Mércores, Xuño 16, 2010
O ISSGA celebra o día 18 de xuño a xornada técnica " Implantación de OHSAS 18001 en pemes" no Centro ISSGA de Rande
O vindeiro 18 de xuño terá lugar no Centro do ISSGA de Rande unha xornada técnica sobre a implantación de sistemas de xestión da prevención de riscos laborais mediante as normas OHSAS 18001 en pemes.
O obxectivo da xornada é expoñer aos asistentes a filosofía das normas OHSAS, de que xeito contribúen estas a cumprir coa lexislación nacional en materia de prevención de riscos laborais nas pemes e a problemática da implantación das mesmas.
OHSAS 18001 é a especificación de avaliación recoñecida internacionalmente para sistemas de xestión da seguridade e saúde no traballo, concibida polos organismos máis importantes de comercio, de normas internacionais e de certificación, como unha ferramenta útil para cubrir os baleiros nos que non existen normas certificables por un terceiro independente.
Son áreas claves na certificación OHSAS a planificación para identificar, avaliar e controlar os riscos, o deseño de programas de xestión e todas aquelas que afectan á formación, consultaría, comunicación e respostas ante emerxencias, así como medición, supervisión e mellora do rendemento.
A presentación da xornada correrá a cargo de José Antonio Rodríguez Arribe, xefe do centro ISSGA de Rande, e actuará como moderador José Antonio González Lago, xefe de sección de formación do centro.
A continuación, Manuela Méndez Fernández, técnica da Sociedade de Prevención de FREMAP, falará sobre o encaixe dentro da lexislación nacional da xestión da prevención mediante a certificación a través das normas OHSAS.
Paula Rodríguez Carballo, auditora xefe de sistemas OHSAS de AENOR, ofrecerá o punto de vista dunha empresa que se dedica ao proceso de certificación do sistema de xestión da seguridade e saúde laboral.
Javier López Picos, técnico de prevención da empresa NODOSA, abordará o tema dende o punto de vista dunha empresa inmersa no sistema de certificación baixo as directrices das normas OHSAS.
Ao remate da xornada abrirase un coloquio, dando paso ás preguntas dos asistentes para proceder logo á clausura oficial a cargo de Adela Quinzá-Torroja García, directora do ISSGA.