Novas

Xoves, Outubro 29, 2009

O ISSGA celebra no seu centro de Pontevedra un curso sobre neumopatías de orixe laboral no que participan expertos de referencia a nivel nacional

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) celebrou hoxe no seu centro de Pontevedra, situado en Rande (Redondela), un curso de actualización de aspectos relevantes da patoloxía pulmonar de orixe laboral, dirixido aos médicos do ISSGA e a todos os especialistas en medicina laboral, neumólogos, médicos de Atención Primaria, mutuas e servizos de prevención alleos.

Esta xornada, cuxa apertura correu a cargo da directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja García, contou coa participación do xefe do Equipo Técnico de Medicina Laboral do centro do ISSGA de Pontevedra, Manuel Gil, quen fixo un percorrido polas características xerais das chamadas partículas fibroxénicas (amianto, asbesto, sílice...), e do ex xefe do Servizo de Neumopatía Ocupacional do Instituto Nacional da Silicose (INS), Gumersindo Fernández Rego.

Na súa intervención, Fernández Rego sinalou que “aínda queda moito camiño por percorrer para que a prevención das enfermidades producidas polo amianto se realice de xeito adecuado”. Así, indicou que, malia que esta substancia está prohibida en España desde o ano 2005, existe unha gran cantidade de amianto que se empregou previamente, o que supón unha ameaza a longo prazo, especialmente nos casos en que se efectúen reformas, derrubamentos de edificios ou calquera outro tipo de actuacións nas que se poida liberar esta substancia.

Nese contexto, o experto avogou, ademais de por prohibir o uso do amianto, por vixiar a entrada de produtos sospeitosos, detectar estruturas e produtos que o conteñan e por que as empresas conten con persoal especializado e sitúen este material nun lugar seguro en operacións de reparación, demolición e derrubamento.

Ademais, falou sobre as características das principais neumopatías que teñen a súa orixe na exposición continuada a esta e outras substancias, entre as que salientan, ademais da asbestose (fibrose pulmonar por asbesto ou amianto), o mesotelioma (tumor maligno da pleura) ou o cancro de pulmón. Con respecto a esta última enfermidade, destacou que no 80% dos casos prodúcese a causa do consumo de tabaco e só no 20% restante está relacionada coa exposición a determinados materiais durante a actividade laboral.

Entre os sectores e actividades que poden conlevar riscos de doenzas pulmonares para os traballadores, destacan a metalurxia, a construción, a imprenta, a reparación, a electricidade, a mecánica, a industria química, o sector do metal, a almacenaxe... Nalgúns deles, os operarios poden verse expostos a substancias como o arsénico, o cromo, a sílice cristalina, o radón, o cadmio ou o níquel, entre moitas outras, con graves consecuencias para a saúde.

Este curso continuará mañá coa intervención de Enrique Alday Figueroa, xefe de Neumoloxía e Alerxia do Centro Nacional de Nuevas Tecnologías do Instituto Nacional de Seguridad e Higiene en el Trabajo (INSHT), e de Amara Tilve Gómez, radióloga do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI), que falarán sobre as neumopatías alérxicas profesionais e as novas técnicas diagnósticas para esas doenzas, entre outras cuestións.