Novas

Venres, Decembro 11, 2009

O ISSGA celebra no seu centro de Ourense unha xornada sobre a inspección e o diagnóstico de amianto en edificios e instalacións

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) celebrou hoxe no seu centro provincial de Ourense a xornada técnica “Inspección e diagnóstico de amianto”, que contou coa asistencia dunhas 60 persoas.

María Teresa Pérez Blanco, xefa do Equipo Técnico de Medicina Laboral do centro provincial, explicou detalladamente os problemas de saúde que pode ocasionar a exposición a este material por parte dos traballadores. Entre as doenzas máis comúns, atópanse afeccións que afectan á pleura, como o derrame, a enfermidade ou o engrosamento pleurais, e outras patoloxías máis graves, como a asbestose (fibrose pulmonar por amianto), o mesotelioma (un tipo de tumor maligno) ou o cancro pulmonar.

Pola súa banda, Ana María Vázquez Rodríguez, xefa da Sección de Hixiene de Campo e Analítica das instalacións ourensanas do ISSGA, falou sobre os trámites administrativos que se lles esixen ás empresas cuxos traballadores corren o risco de estar expostos a materiais que conteñen amianto por realizaren traballos de demolición de construcións, desmantelamento de maquinaria, tarefas de mantemento e reparación e un longo etcétera.

Así, ademais da súa inscrición no RERA (Rexistro de Empresas con Risco de Amianto), destacou tamén a obrigatoriedade da elaboración dun Plan de Traballo, que debe ser aprobado pola Autoridade Laboral antes do comezo de calquera operación con risco. Ese documento debe describir, dun xeito pormenorizado, a acción que se quere desenvolver, a metodoloxía que se vai seguir e as medidas de prevención e protección técnicas e organizativas necesarias para que o traballo teña lugar en condicións de mínima exposición.

Tamén falou sobre os tipos de Plans de Traballo que existen e de como se debe realizar a súa tramitación. Cada traballo require a presentación dun Plan de Traballo Específico, que deberá ser presentado no Centro de Seguridade e Saúde Laboral da provincia onde estea ubicado o centro de traballo obxecto do plan. Só cando se trate dun tipo de actividade que se realice con frecuencia e para a que existen procedementos de traballo estandarizados, o plan poderá referirse ao presentado con anterioridade. Neste tipo de casos, fálase de Plans de Traballo Sucesivos.

A lexislación actual contempla tamén a posibilidade de que se elabore un único Plan Xeral, en lugar dun específico para cada traballo, sinalando que iso só se pode facer cando se trate de operacións de curta duración con presentación irregular ou non programables con antelación, especialmente nos casos de mantemento e reparación.

Por outra banda, Joan de Monserrat, director da Unidade de Análises por Imaxe do Laboratorio de Análises Dr. Echevarne, explicou como se efectúa a estratexia de mostraxe e a toma de mostras desta substancia, centrando a súa charla na realización de medidas de concentración de fibras no aire, nas medicións persoais, nas medicións estáticas e no recoñecemento de materiais sospeitosos de conter asbesto.

Ademais, falou sobre os criterios de valoración para a inspección de amianto en edificios, instalacións, buques e solos, tomando como referencia as metodoloxías existente en Francia e Reino Unido e a situación actual na que se atopa España.

A clausura correu a cargo do xefe do centro ourensán, Ángel López Álvarez, quen, en nome da directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja García, anunciou que no Plan de Accións do Instituto para o ano 2010, que foi aprobado pola Comisión de Goberno do organismo o pasado 4 de decembro, contémplanse unha serie de actividades para a prevención de riscos laborais en relación co amianto.

Os riscos do amianto

O amianto é un grupo de minerais de orixe natural e natureza fibrosa. Ao manipular materiais que conteñen esta substancia, as súas fibras pódense romper en outras máis pequenas que non se ven a simple vista e que, de seren inhaladas, poden depositarse nos pulmóns, pudiendo ocasionar diferentes patoloxías.

Aínda que en España está prohibida a comercialización e a utilización do amianto ou asbesto desde o ano 2002 e no ámbito da Unión Europea desde o 2005, esta substancia continúa formando parte de numerosos materiais presentes en edificios, instalacións industriais, maquinaria ou vehículos, entre outros usos. O amianto foi amplamente empregado polas súas propiedades como illante térmico e eléctrico ou pola súa gran resistencia química, entre outros factores, así como polo seu baixo custo e a súa abundancia.

Toda a información sobre o amianto, a normativa reguladora dos traballos nos que existe risco de exposición a esa substancia e os documentos necesarios para realizar os trámites administrativos que esixe a lexislación poderán ser consultados na páxina web do ISSGA, www.issga.es.