Xoves, Maio 20, 2010
O ISSGA celebra na Coruña unha xornada técnica sobre toxicoloxía laboral
Expertos en toxicoloxía laboral impartirán o vindeiro 21 de maio no Centro do ISSGA da Coruña a xornada técnica "Toxicoloxía laboral: Marcadores biolóxicos como indicadores de exposición e efecto. Novos retos: As nanopartículas", á que asistirán 150 técnicos de prevención de nivel superior.
Miguel Martínez Losada, xefe do Centro ISSGA da Coruña será o encargado de presentar a xornada e a continuación, Manuel López-Rivadulla Lamas, catedrático de Toxicoloxía do Departamento de A.P. e Ciencias Forenses da Universidade de Santiago de Compostela ofrecerá o relatorio “A toxicoloxía e a saúde laboral” e Tomás Camacho, director médico do Laboratorio Lema & Bandín o relatorio “Exposome: unha poderosa ferramenta para a avaliación da exposición laboral a tóxicos”
Nieves Lorenzo Espeso, xefa do Equipo Técnico de Medicina Laboral do ISSGA da Coruña falará sobre “O control biolóxico como ferramenta en medicina do traballo” e Celia Tanarro Gozalo, técnica do Centro Nacional de Novas Tecnoloxías do INSHT de Madrid tratará os “Novos retos: as nanopartículas”.
A continuación celebrarase un coloquio entre todos os asistentes, e clausurarase a xornada a cargo de Adela Quinzá–Torroja García, directora do ISSGA.