Xoves, Maio 07, 2026
O ISSGA celebra na Coruña unha nova edición do seminario sobre ergonomía aplicada á prevención de TME
A Coruña, 7 de maio de 2026
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) desenvolveu no seu centro da Coruña, os días 5 e 7 de maio, unha nova edición do seminario “Aplicación práctica de metodoloxías ergonómicas de posturas, manipulación de cargas e movementos repetitivos”, incluído no Plan de actuación 2026.
A actividade, integrada no eixo 3 —Programas por riscos específicos e novos escenarios—, está dirixida ao persoal técnico en prevención de riscos laborais da especialidade de ergonomía e psicosocioloxía aplicada, tanto de servizos de prevención como de gabinetes de seguridade e saúde laboral. O seu obxectivo é reforzar os coñecementos técnicos e facilitar ferramentas prácticas para a identificación, avaliación e control dos riscos ergonómicos nos postos de traballo.
Ao longo das sesións abordáronse os trastornos musculoesqueléticos (TME) de orixe laboral, unha das principais causas de baixa laboral, así como os riscos derivados das posturas forzadas, da manipulación manual de cargas e dos movementos repetitivos. A formación combinou explicacións teóricas con exercicios prácticos baseados en situacións reais de traballo, permitindo afondar na aplicación de metodoloxías de avaliación ergonómica e na definición de medidas preventivas adaptadas ás diferentes actividades laborais.
O seminario contou coa participación de César André Rivas, técnico do ISSGA, quen achegou unha visión práctica baseada na experiencia en distintos sectores produtivos.
Esta actividade forma parte dun ciclo formativo que se está a desenvolver nos catro centros territoriais do Issga. Tras as edicións celebradas en Lugo, Ourense e A Coruña, a última sesión terá lugar no centro do Issga en Pontevedra os vindeiros 20 e 21 de maio.
Con este tipo de iniciativas, o ISSGA continúa impulsando accións de formación especializada orientadas á mellora da prevención dos trastornos musculoesqueléticos e á integración da ergonomía como aspecto clave da cultura preventiva nas organizacións.