Venres, Outubro 16, 2026
O Issga celebra na Coruña un seminario de formación teórico-práctico sobre prevención de riscos psicosociais
A Coruña, 16 de outubro de 2026
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) celebrou os días 13 e 16 de outubro de 2026, no seu centro da Coruña, un seminario de formación teórico-práctica sobre xestión de riscos psicosociais, dirixido ao persoal técnico de prevención de riscos laborais.
Esta actividade enmárcase no Plan de actuación do Issga para 2026, dentro do eixe 3, «Programas por riscos específicos e novos escenarios», concretamente na ficha 3.2.2, «Formación específica para persoal técnico de PRL sobre xestión de riscos psicosociais».
O obxectivo desta formación é apoiar a integración efectiva da xestión dos riscos psicosociais nas empresas e reforzar as competencias do persoal técnico responsable de asesorar nesta materia, mediante ferramentas prácticas e criterios técnicos para avaliar estes riscos nos postos de traballo e promover intervencións eficaces para a súa redución.
Durante as dúas sesións presenciais, de catro horas cada unha, afondouse no coñecemento dos riscos psicosociais de orixe laboral e dos factores que os provocan, así como no seu impacto na saúde das persoas traballadoras e na organización do traballo. Ademais, revisáronse metodoloxías de avaliación recoñecidas e desenvolvéronse casos prácticos para mellorar as capacidades de análise e aplicación das ferramentas metodolóxicas.
A formación tamén permitiu abordar a interpretación dos resultados das avaliacións e a elaboración de informes técnicos que inclúan propostas de mellora e medidas preventivas adaptadas ás características dos postos de traballo.
O seminario foi impartido por César André Rivas, Laura Neira Fernández e María Jesús Copa Arias, persoal técnico do Issga, que achegaron unha visión aplicada baseada na súa experiencia directa en avaliacións de postos de traballo de distintos sectores de actividade.
Esta acción formativa contribúe á mellora continua das competencias do persoal técnico en prevención de riscos laborais e reforza o compromiso do Issga coa promoción dunha cultura preventiva que integre os factores psicosociais como elemento clave para protexer a saúde das persoas traballadoras e mellorar a calidade do traballo.
A formación continuará a vindeira semana no centro do Issga en Pontevedra, dando continuidade a esta iniciativa de especialización técnica.