Xoves, Maio 28, 2026
O Issga celebra en Pontevedra un curso especializado sobre prevención das enfermidades da voz no ámbito laboral
Rande, 28 maio de 2026
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) celebrou os días 26 e 27 de maio no seu centro de Pontevedra unha nova edición do curso “Prevención das enfermidades da voz no ámbito laboral”, unha actividade formativa orientada á promoción da saúde laboral e á prevención das patoloxías derivadas do uso continuado da voz como ferramenta de traballo.
Esta acción formativa enmárcase na ficha 5.2.3 do Plan de actuación Issga 2026, dedicada ao desenvolvemento de cursos específicos para a prevención de enfermidades profesionais relacionadas co coidado da voz e outros riscos emerxentes segundo a demanda detectada.
O ISSGA lembra que unha parte importante da poboación laboral está integrada por profesionais da voz, é dicir, persoas que precisan utilizar a voz de maneira continuada para desenvolver a súa actividade profesional. Entre estes colectivos atópanse docentes, teleoperadores e teleoperadoras, locutores, actores e actrices, cantantes, profesionais da atención ao público ou persoal do ámbito social e sanitario, entre outros.
Nestes postos de traballo, o uso continuado e sostido da voz pode provocar fatiga vocal e diferentes patoloxías que afectan á saúde e ao desenvolvemento da actividade profesional, polo que resulta fundamental incorporar medidas preventivas, formación específica e hábitos adecuados de hixiene vocal.
Durante as dúas xornadas celebradas no centro Issga de Pontevedra abordáronse cuestións relacionadas cos trastornos da voz, os factores de risco asociados á actividade laboral, os sinais de alerta ante posibles lesións vocais e as principais medidas preventivas para evitar danos na saúde.
A formación combinou contidos teóricos e prácticos impartidos por profesionais especializados en logopedia. O alumnado puido coñecer técnicas de respiración, impostación vocal, exercicios de quecemento da voz, control postural e hábitos saudables para reducir a sobrecarga vocal durante a xornada laboral.
Así mesmo, a actividade incidiu na importancia de que as empresas teñan en conta este risco nas avaliacións de riscos laborais, considerando aspectos relacionados coas condicións ambientais e organizativas dos postos de traballo que poden influír negativamente sobre a voz.
Como complemento á formación, o Issga continuará coa difusión de materiais técnicos e divulgativos relacionados coa prevención das enfermidades da voz no ámbito laboral, entre eles guías de boas prácticas, carteis informativos e documentación técnica con pautas preventivas e recomendacións de hixiene vocal dirixidas aos colectivos profesionais con maior exposición a este risco.
A través deste tipo de actuacións, o Instituto reforza o seu compromiso coa prevención das enfermidades profesionais e coa promoción dunha cultura preventiva que contribúa a mellorar o benestar e as condicións de traballo das persoas traballadoras en Galicia.