Novas

Venres, Xuño 27, 2014

O Issga avoga por reforzar a implicación de empresarios e traballadores na prevención da silicose

- A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, inaugurou hoxe en Pontevedra a xornada ‘A silicose: un novo enfoque para abordar unha vella enfermidade’

- A directora engadiu que, para establecer políticas preventivas e favorecer a súa eficacia, é preciso impulsar as ferramentas e sistemas dispoñibles que permitan mellorar o coñecemento en materia de sinistralidade

 

 

Pontevedra, 27 de xuño de 2014.- A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, destacou hoxe a importancia do establecemento de liñas de actuación que favorezan a implicación do empresariado e das persoas traballadoras e os seus representantes nas actividades preventivas da empresa, no relativo á silicose.

Quinzá-Torroja inaugurou hoxe en Pontevedra a xornada ‘A silicose: un novo enfoque para abordar unha vella enfermidade’ e, na súa intervención, indicou que, como axentes que perseguen un mesmo fin, débese promover a corresponsabilidade social, institucional e doutros axentes da sociedade civil na prevención de riscos laborais.

Neste senso, opinou que “é importante implicar á atención primaria na comunicación de enfermidades profesionais, de xeito que desde o sistema público de saúde se poidan detectar enfermidades profesionais, coa colaboración e asistencia do ISSGA e as unidades de saúde laboral da inspección sanitaria”.

A directora engadiu que, para establecer políticas preventivas e favorecer a súa eficacia, é preciso impulsar as ferramentas e sistemas dispoñibles que permitan mellorar o coñecemento en materia de sinistralidade e a súa prevención e, en consecuencia, poder adoptar as decisións apropiadas.

 

Neste sentido, lembrou que se está a traballar no desenvolvemento de iniciativas para mellorar a declaración das enfermidades profesionais, impulsar a investigación sobre saúde laboral e a prevención de riscos laborais e estudar a epidemioloxía das enfermidades profesionais tomando como base plans de actuación xerais ou sectoriais contra a sinistralidade.

Nesta xornada contarase coa intervención de Eva Fernández Vilas, técnica do Instituto Nacional da Silicose, que exporá un relatorio sobre os criterios de excelencia na prevención fronte á silicose e indicará algunhas reflexións sobre o posto compatible.

O xefe do equipo técnico de Medicina Laboral do Centro ISSGA de Pontevedra, Manuel Gil Fernández, sinalará os aspectos xerais da silicose e indicará os avances na etiopatoxenia desta enfermidade.

Finalmente intervirá Inmaculada Díaz, médica inspectora do INSS, que participará cun relatorio sobre a valoración legal da silicose.