Novas

Venres, Maio 08, 2026

O ISSGA avanza co grupo técnico do sector forestal nas actuacións previstas no Plan de Actuación 2026

imaxe grupo forestal

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2026

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) celebrou  unha nova reunión do grupo técnico de traballo do sector forestal, no marco das actuacións previstas na ficha 4.14 do Plan de Actuación do ISSGA para o ano  2026 , centrada na mellora da prevención de riscos laborais nun dos sectores con maior índice de sinistralidade en Galicia.

Na reunión participou persoal técnico do Instituto xunto con representantes de Fearmaga (Federación Empresarial de Aserradores e Rematantes de Madeira de Galicia), das empresas Ence e Finsa e da Asociación Provincial de Empresarios da 1ª Transformación da Madeira de Lugo.

Durante a sesión continuouse avanzando na elaboración das fichas de análise de accidentes de traballo no ámbito forestal, unha ferramenta orientada a identificar causas recorrentes e establecer medidas preventivas eficaces adaptadas á realidade do sector. Ademais, abordouse o desenvolvemento de materiais e novas propostas de actuación preventiva para os próximos meses.

Esta liña de traballo intégrase nas accións impulsadas polo ISSGA para reforzar a cultura preventiva no sector forestal, promovendo a colaboración entre administración, empresas e entidades representativas co obxectivo de reducir a sinistralidade laboral e mellorar as condicións de seguridade e saúde das persoas traballadoras do monte.