Novas

Xoves, Xuño 03, 2010

O ISSGA ASISTE EN BARCELONA Á CONFERENCIA EUROPEA PARA AVALIAR A ESTRATEXIA COMUNITARIA DE SEGURIDADE LABORAL 2007-2012

Unha representación do ISSGA, encabezada pola súa directora, Adela Quinzá-Torroja García, asistirá en Barcelona á Conferencia Europea que se celebra os días 3 e 4 de xuño, para avaliar a Estratexia Comunitaria en materia de Seguridade e Saúde no Traballo 2007-2012.

Esta Conferencia Europea está convocada coincidindo coa metade do período de vixencia da actual estratexia, ao obxecto de revisar o seu desenvolvemento a teor da experiencia e dos coñecementos obtidos nesta primeira fase e adecuala ás novas circunstancias.

Nas sesións, que serán inauguradas polo ministro de Traballo e Inmigración, Celestino Corbacho, participarán representantes de administracións e institucións de España, Bélxica, Hungría, Reino Unido, Francia, Portugal, Italia, Dinamarca, Alemaña, Bulgaria, Paises Baixos, Irlanda e Finlandia. Tamén asistirán representantes do Comité Consultivo para a Seguridade e a Saúde no Traballo da Comisión Europea, altos responsables da Inspección de Traballo e outras personalidades de Administracións estatais e Institucións comunitarias, como o Parlamento Europeo, o Comité Europeo Económico e Social, o Comité das Rexións, a Axencia Europea para a Seguridade e Saúde no Traballo, e organizacións empresariais e sindicais.

A conferencia está estruturada en sesións plenarias e diversos grupos de traballo, que abordarán a aplicación dun marco lexislativo moderno e eficaz; o fomento de estratexias nacionais; e o favorecemento de cambios de comportamento sans e seguros no ámbito laboral. As sesións plenarias comezarán coa lectura do “Informe provisional sobre os avances da Estratexia 2007-2012”, que será presentado por Antonio Cammarota, da Dirección Xeral de Emprego, Asuntos Sociais e Igualdade de Oportunidades da Comisión Europea. En sucesivas mesas redondas analizaranse os avances acadados na aplicación da Estratexia, así como as expectativas de futuro en materia de saúde e seguridade laboral.