Venres, Xuño 01, 2012
O ISSGA asesorou entre 2011 e 2012 a 422 empresas galegas na prevención de riscos laborais de mulleres embarazadas
Redondela (Pontevedra), 1 de xuño de 2012.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) analizou e asesorou, entre 2011 e 2012, a un total de 422 empresas galegas sobre prevención de riscos laborais nas mulleres embarazadas ou en período de lactación. En concreto, en 2011 os técnicos visitaron a 309 empresas, e no ano 2012 a un total de 113 ata o momento.
Así o avanzou hoxe a directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, durante a clausura dunha xornada que se celebrou no centro deste Instituto en Redondela baixo o título “O xénero na prevención de riscos laborais: directrices de avaliación e experiencias de integración nos servizos de prevención”.
O programa de asesoramento a empresas para a prevención de riscos laborais entre mulleres embarazas ou en período de lactación ten como referencia a obriga que recolle a Lei de prevención de riscos laborais sobre a toma en consideración da posible repercusión destas situacións na avaliación dos riscos e nas medidas pertinentes que se deben adoptar para detectar estes riscos.
Polo tanto, a actuación dos técnicos nesta materia ten como obxectivo verificar se están implantadas estas obrigas normativas en todas as actuacións de asesoramento, programas de redución da sinistralidade ou programas de loita contra accidentes ou sobreesforzos.
Ademais desta actuación, o ISSGA desenvolve outras actividades en materia de xénero. O Plan estratéxico para a prevención de riscos laborais en Galicia 2011-2014 recolle, entre os seus obxectivos, a formación especializada para colectivos especiais, entre os que se atopan as mulleres embarazadas ou en período de lactación.
Entre as actividades programadas para 2012, o ISSGA está a elaborar un estudo novidoso para coñecer as incidencias específicas da sinistralidade laboral nas profesións feminizadas, que estará rematado no segundo semestre deste ano. O fin deste estudo é analizar os danos da saúde en certas profesións feminizadas, detectar os aspectos que deben reforzarse na planificación preventiva, e acadar un nivel de protección similar para os traballadores con independencia do xénero.
A isto hai que sumarlle os estudos epidemiolóxicos entre redeiras e mariscadoras que se están a levar a cabo desde o ano pasado. Estes estudos teñen como obxecto detectar e recoñecer as enfermidades profesionais do sector. Para conseguilo, o ISSGA realizou 936 recoñecemento médicos específicos.
A maiores destes estudos, o ISSGA ten outras iniciativas en marcha como a integración da perspectiva de xénero nos traballos estatísticos; así como unha comisión permanente de carácter asesor que garante a efectividade do principio da igualdade entre homes e mulleres nas distintas actuacións deste Instituto.
Quinzá-Torroja recordou tamén que os accidentes laborais de mulleres en Galicia descenderon nun 15,80 por cento no primeiro trimestre deste ano, con respecto ao mesmo período do ano pasado.
Xornada
Durante a xornada de hoxe en Redondela, expuxéronse as directrices normativas que se deben aplicar na integración da perspectiva de xénero na prevención de riscos laborais e, en particular, na avaliación de riscos e na protección da maternidade.
A xornada incluíu un panel de expertos formado por servizos de prevención da empresa privada e da administración, alleos, a Inspección de Traballo e Seguridade Social, o ISSGA e o Servizo de Igualdade. Os participantes explicaron a súa opinión sobre as garantías que ofrece a normativa actual en situacións de maternidade ou lactación e relataron a súa experiencia nestes ámbitos.
Esta actividade celebrada hoxe súmase ao encontro que tivo lugar onte en Ourense, tamén organizado polo ISSGA, na que se abordou a prevención de riscos laborais especialmente no colectivo das mulleres rurais de Galicia. Deste xeito, tratouse a singularidade e a problemática da aplicación práctica das directrices de avaliación de riscos e protección da maternidade, en particular no sector agrario de Galicia.