Novas

Venres, Maio 11, 2012

O ISSGA asesora a empresa e traballadores de Lugo sobre prevención de riscos laborais en espazos confinados

O ISSGA asesora a empresa e traballadores de Lugo sobre prevención de riscos laborais en espazos confinados

O centro do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral de Lugo acolleu hoxe unha xornada técnica sobre medidas preventivas en lugares de traballo que presentan aberturas limitadas de entrada e saída e ventilación natural desfavorable.

 A iniciativa da Consellería de Traballo e Benestar forma parte da oferta formativa do ISSGA e ten como obxectivo informar sobre a nova normativa neste eido.

Lugo, 11 de maio de 2012.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) vén de celebrar unha xornada técnica en Lugo para informar e asesorar a empresa e traballadores e traballadoras sobre as medidas axeitadas na prevención de riscos laborais en espazos confinados. Os lugares catalogados como confinados son aqueles que presentan aberturas limitadas de entrada e saída e ventilación natural desfavorable no que se poidan acumular contaminantes tóxicos e inflamables ou ter unha atmosfera deficiente en osíxeno e que non está concibido para unha ocupación continuada por parte de traballadores.

A iniciativa da Consellería de Traballo e Benestar forma parte da oferta formativa do ISSGA e ten como obxectivo informar sobre a nova normativa neste eido, xa que os traballos que se desenvolven en recintos ou espazos confinados levan con eles a consideración de actividades perigosas ou de risco especial.

En concreto, a técnica do ISSGA, Belkis Torres, impulsou e promoveu na súa charla a necesidade de levar a cabo este tipo de actividades de forma segura e a importancia da sensibilización neste ámbito. Lembrou que en caso de sinistro a persoa que se atopa no interior do espazo confinado deberá poder ser socorrida e, así, deberá establecerse no procedemento de traballo. As medidas de emerxencia deberán estar non só previstas, senón tamén implantadas.

A xornada, ademais, enmárcase nunha das actuacións xa previstas no Plan de Actividades do ISSGA de 2011 a través da que se están a levar a cabo diferentes medidas de prevención de riscos de explosión derivadas de atmosferas explosivas en empresas de poliéster. A avaliación de riscos derivados de atmosferas explosivas é un requisito legal que debe cumprir calquera empresario que sexa titular de instalacións nas que se utilicen substancias susceptibles de orixinar este tipo de ámbitos. Ao longo do ano pasado fixéronse 34 actuacións de visitas a empresas dentro deste programa.

A xornada técnica que se celebra hoxe no centro do ISSGA de Lugo inclúe, ademais, unha práctica real de medición de atmosfera en pozo e unha excarceración con técnicas de acceso e posicionamento mediante cordas en espazos reducidos ou lugares de difícil acceso.