Martes, Maio 29, 2012
O ISSGA analiza no seu centro da Coruña as obrigas das empresas que realizan operacións con risco de exposición ao amianto
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) celebrou hoxe no seu centro provincial da Coruña unha xornada na que se falou sobre as esixencias legais que a actual normativa contempla para as empresas nas que se realizan operacións que poden supoñer risco de exposición ao amianto por parte dos traballadores, recollidas no Real Decreto 386/2006, de 31 de marzo.
Neste sentido, o xefe do Equipo de Hixiene Industrial do Centro do ISSGA da Coruña, Francisco Javier Copa Rodríguez, fixo fincapé na necesidade de que todas as empresas nas que se realicen este tipo de actividades (traballos de demolición de construcións, desmantelamento de maquinaria, mantemento e reparación de materiais que conteñan esta substancia, etc.) se inscriban no RERA (Rexistro de Empresas con Risco de Amianto).
Así mesmo, tamén é obrigatoria para as compañías a elaboración dun Plan de Traballo, que debe ser aprobado pola Autoridade Laboral antes do comezo de calquera operación con risco. Ese documento debe describir, dun xeito pormenorizado, a acción que se quere desenvolver, a metodoloxía que se vai seguir e as medidas de prevención e protección técnicas e organizativas necesarias para que o traballo teña lugar en condicións de mínima exposición.
Pola súa banda, Gonzalo Zufía Álvarez, director técnico de Investigación y Gestión de Residuos (IGR), empresa dedicada á retirada e eliminación de amianto e fibrocemento, realizou un relatorio máis práctico sobre a detección de materiais con amianto e traballos con fibrocemento e con materiais de amianto friables, na que puxo distintos exemplos sobre a presenza de amianto e as medidas preventivas que se deben aplicar.
Aínda que en España está prohibida a comercialización e a utilización do amianto ou asbesto desde o ano 2002 e no ámbito da Unión Europea desde o 2005, esta substancia continúa formando parte de numerosos materiais presentes en edificios, instalacións industriais, maquinaria ou vehículos, entre outros usos. O amianto foi amplamente empregado no pasado polas súas múltiples propiedades como illante térmico e eléctrico ou pola súa gran resistencia química, entre outros factores, así como polo seu baixo custo e a súa abundancia.
A presenza de amianto por si mesma non supón un risco para a saúde, pero cando estes materiais liberan as fibras do amianto ao ambiente, como ocorre nos traballos que implican a súa manipulación, estas poden depositarse nos pulmóns e derivar en enfermidades como a asbestose, o cancro pulmonar ou o mesotelioma, doenzas para as que non se coñece cura e que adoitan ser mortais.
Coa finalidade de fomentar a prevención nos sectores que se poden ver afectados pola presenza desta substancia e minimizar o máximo posible os riscos, o ISSGA ten previsto desenvolver o próximo ano unha serie de plans. Así mesmo, tal e como indicou na clausura da xornada o Subdirector Xeral Técnico e de Planificación do Instituto, José Rega Piñeiro, o tema do amianto continuará a ter unha importante presenza na actividade formativa do organismo para o 2010.
Toda a información sobre o amianto, a normativa reguladora dos traballos nos que existe risco de exposición a esa substancia e os documentos necesarios para realizar os trámites administrativos que esixe a lexislación están dispoñibles na páxina web do ISSGA, www.issga.es.