Venres, Maio 14, 2010
O ISSGA amosa as vantaxes da prevención de riscos laborais no sector naval en Navalia 2010
14 de maio de 2010. O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral participa cun stand institucional na III feira Internacional da Industria Naval (Navalia) que terá lugar no Recinto Feiral de Vigo (IFEVI) do 18 ao 20 de maio.
O ISSGA estará presente nesta feira, referente en toda Europa e unha das principais ferramentas de promoción da construción naval en todo o mundo, coa finalidade de promover a seguridade laboral e a prevención de riscos no sector naval.
A través do stand, de 48 metros cadrados e que será atendido por persoal do Centro ISSGA de Pontevedra en Rande, difundirase documentación en prevención de riscos laborais, así como o plan de actividades do organismo e os últimos datos de sinistralidade laboral.
O mércores 19 ás 16:00 horas terá lugar a xornada técnica “Foro de Prevención no Naval” organizada por Aclunaga, na que José Antonio Rodríguez Arribe, xefe do Centro do ISSGA de Pontevedra en Rande, será o encargado de moderala xunto a Hermenegildo Franco Suanzes, coordinador do Foro.
No marco do Foro de Prevención no Naval, Alfonso Pérez Santiago, xefe do Equipo Técnico de Hixiene Industrial do Centro ISSGA de Rande, ofrecerá o relatorio “Ruído e saúde laboral. R.D. 286/97”. Amais participarán no Foro, entre outros, Luis Anguita Juega, fiscal delegado de Sinistralidade Laboral da Coruña, Manuel Jesús Rodríguez Quintela, xefe dos Servizos Médicos de Factorías Vulcano.