Xoves, Marzo 06, 2014
O ISSGA adhírese a un programa europeo de promoción da saúde nos centros de traballo
Madrid, 6 de marzo de 2014.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), dependente da Consellería de Traballo e Benestar, adherirase ao ‘Programa europeo de promoción da saúde nos centros de traballo’, liderado polo Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo (INSHT) e que ten por obxectivos mellorar a organización e as condicións de traballo, promover a participación activa e fomentar o desenvolvemento individual.
A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, mantivo un encontro hoxe en Madrid coa directora do INSHT, María Dolores Limón, no que se acordou dita adhesión a este proxecto que pretende tamén mellorar a colaboración e o partenariado en promoción da saúde no traballo; a capacidade das empresas na planificación, execución e avaliación de iniciativas de promoción da saúde no traballo; e aumentar o número de intermediarios.
A posta en marcha do proxecto ‘Empresas seguras, saudables e sostibles’ responde ao interese do INSHT de recoñecer o traballo das empresas no ámbito da mellora da saúde e do benestar dos seus traballadores, así como promover a cultura da saúde e o intercambio de experiencias empresariais.
Doutra banda, no encontro abordáronse tamén as accións conxuntas a desenvolver en outubro con motivo da ‘Semana europea para a seguridade e a saúde no traballo’, organizada pola Axencia europea de seguridade e saúde no traballo. A campaña céntrase na prevención e na xestión de riscos, o fomento da participación dos directivos na redución dos mesmos; e o estímulo aos traballadores e aos seus representantes para colaborar cos directivos na atenuación de riscos.
O ISSGA celebrará varias xornadas técnicas nos seus centros. Ata o momento xa ten pechada unha no seu centro de Lugo sobre a avaliación e a prevención de riscos relativos á utilización de equipos de traballo, que inclúe experiencias prácticas.