Novas

Xoves, Outubro 15, 2009

O ISSGA acolle no seu centro de Pontevedra unha xornada sobre a prevención do risco eléctrico en obras públicas

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) acolleu hoxe no seu centro de Pontevedra, situado en Rande (Redondela), unha xornada sobre a prevención do risco eléctrico en actuacións empresariais en obra pública.

Este evento, que se enmarca dentro da estreita colaboración que veñen desenvolvendo a empresa eléctrica Gas Natural-Unión Fenosa e o Instituto, ten como obxectivo sensibilizar a traballadores e empresarios sobre os posibles riscos que poden xurdir nos traballos de construción e axudarlles a previlos.

A maioría das electrocucións neste sector teñen lugar polo contacto do traballador con liñas de alta voltaxe ou ben polo uso de ferramentas con instalacións eléctricas defectuosas, obxectos de metal que están en contacto con cables que levan corrente ou arames e maquinaria con corrente eléctrica non interrompida.

Para evitar todos os posibles riscos, os traballadores deberán, en áreas húmidas ou molladas ou en lugares perigosos, usar só ferramentas ou equipos especialmente deseñados para esas zonas e manter as escaleiras metálicas, tuberías ou outro tipo de obxectos condutores de electricidade alonxados dos circuitos eléctricos, das pezas que teñan corrente e dos cables de alta tensión. Así mesmo, os tomacorrentes de uso permanente non deberán usarse se están no chan e os curtocircuítos ou fusibles deberán ser cambiados unicamente por persoal cualificado.

Pola súa banda, os empresarios deberán garantir que tanto as técnicas empregadas como os equipos utilizados e os dispositivos de protección se axusten á normativa específica na materia e que os traballadores dispoñan da formación, información e, no seu caso, cualificación requerida.