Mércores, Maio 12, 2010
O ISSGA ACHEGA O VALOR DA SEGURIDADE LABORAL AO PLAN FERROL
A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral xunto co director do Plan Ferrol presentaron onte os cursos de prevención de riscos laborais que se impartirán aos traballadores da comarca
O Plan Ferrol, que lidera a Consellería de Economía e Industria,, está a desenvolver un esforzo especial para poñer en marcha actuacións concretas encamiñadas a mellorar a empregabilidade dos desempregados desta zona
Ferrol, 12 de maio de 2010.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, ISSGA, vai implicarse directamente en achegar o valor da seguridade laboral ao Plan Ferrol, mediante unha serie de accións dirixidas aos traballadores da comarca, que foron presentadas onte nun acto celebrado en Ferrol no que estiveron presentes o director do citado plan, Alejandro Langtry, xunto coa directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja García.
Esta colaboración do ISSGA co Plan Ferrol concrétase no desenvolvemento de cursos de prevención de riscos laborais de nivel básico de 50 horas, titorizados por técnicos do ISSGA.
A formación que se imparte habilita para o exercicio das funcións de nivel básico contempladas no regulamento que desenvolve a Lei de Prevención de Riscos Laborais.
Con esta acción, o ISSGA, como órgano técnico en prevención de riscos laborais, participa directamente na información e difusión da cultura da prevención a través do Plan Ferrol, como unha plataforma idónea para divulgar os criterios da saúde laboral nunha comarca cun importante tecido industrial.
O Plan Ferrol
O Plan de desenvolvemento das Comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, coordinado pola Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, contempla parte dunha visión económica de carácter integral e marca unhas liñas de actuación prioritaria.
Consensuado cos axentes sociais do territorio, o plan nace co obxectivo de paliar o efecto negativo das diferentes reconversións que o sector naval, principal motor industrial da zona, veu sufrindo ao longo do tres últimas décadas.
A través do Igape, a Xunta de Galicia dispuxo dun marco de apoio aos investimentos con medidas de discriminación positiva para converter o territorio nun espazo especialmente atractivo para acoller novos proxectos, ao tempo que se están a impulsar outras actuacións encamiñadas a favorecer a mellora da competitividade das empresas da zona e a internacionalización.
Todas as liñas de actuación previstas están encamiñadas a lograr dunha forma coordinada e coherente o desenvolvemento de todas aquelas áreas con potencial de crecemento a curto e medio prazo, involucrando ás administracións correspondentes de cada unha delas para facer un esforzo conxunto e lograr os obxectivos de dinamización económica buscados.
Nesta nova etapa do Plan Ferrol preténdese, ademais, realizar un esforzo especial para poñer en marcha actuacións concretas encamiñadas a mellorar a empregabilidade dos desempregados das comarcas. Neste ámbito está encadrado o curso básico de prevención de riscos laborais que onte se presentou.