Novas

Xoves, Outubro 22, 2026

O Issga achega a cultura preventiva ao alumnado galego a través da súa participación en Edugal

imaxe do panel da escola galega de prevención

Pontevedra, 22 de outubro de 2026. 

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) participa esta semana na 15ª edición de Edugal, o Salón da Educación e Formación de Galicia, que se celebra do 21 ao 23 de outubro no Recinto Feiral de Pontevedra, cunha proposta destinada a achegar a prevención de riscos e os hábitos seguros e saudables á comunidade educativa.
A presenza do Issga realízase a través da Escola Galega de Prevención, que trasladou a Edugal varios dos paneis educativos que forman parte do seu espazo de prevención na Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra. Estes recursos permiten abordar, dun xeito visual e didáctico, diferentes situacións de risco e introducir mensaxes relacionadas coa seguridade, a prevención e o benestar desde as primeiras etapas educativas.
A participación neste salón permite achegar a cultura preventiva á comunidade educativa e aos futuros traballadores e traballadoras, ao tempo que contribúe a levar a mensaxe da prevención máis alá dos espazos propios do Issga. Edugal constitúe así un punto de encontro que facilita o contacto directo co alumnado, o profesorado e os centros educativos e ofrece unha oportunidade para sensibilizar sobre a importancia de incorporar hábitos seguros desde a infancia.
Esta acción responde tamén á finalidade da Escola Galega de Prevención de favorecer que o alumnado aprenda a identificar os riscos presentes no seu contorno e adopte condutas seguras, converténdose á súa vez en axente de transmisión da cultura preventiva no ámbito familiar e social.
A presenza en Edugal dá continuidade á aposta do Issga por achegar a prevención á sociedade galega e por consolidar a Escola Galega de Prevención como un recurso educativo aberto, dinámico e conectado cos centros educativos. Neste sentido, en setembro a Xunta presentou o novo espazo educativo de prevención “Aprender a protexernos”, unha iniciativa que prevé chegar inicialmente a arredor de 1.000 escolares da provincia de Pontevedra e que posteriormente se estenderá ao resto de Galicia.
Esta iniciativa está aliñada co Plan de actuación do Issga para 2026, dentro do obxectivo de concienciación e sensibilización da sociedade galega en materia de seguridade e saúde no traballo. En concreto, a actuación relativa á Escola Galega de Prevención contempla a programación de visitas con centros educativos, a elaboración de materiais e outras accións destinadas a introducir a cultura preventiva desde as primeiras etapas da formación e favorecer a súa presenza no contorno educativo e social.