Xoves, Outubro 30, 2025
O ISSGA achega a cultura preventiva ao alumnado do IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago
 
Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2025.
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) impartiu este mércores unha xornada formativa sobre prevención de riscos laborais no IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago de Compostela, dirixida ao alumnado do ciclo formativo de grao medio de Vídeo, Disc-jockey e Son, que se imparte no centro.
A sesión foi conducida por César André Rivas, técnico do ISSGA e xefe de sección de Ergonomía e Psicosocioloxía Aplicada, quen abordou diferentes aspectos clave da xestión preventiva no ámbito laboral.
A actividade enmárcase no Plan de actuación 2025 do ISSGA e tivo como obxectivo fomentar a sensibilización e a formación preventiva entre o alumnado de formación profesional, ofrecéndolles ferramentas básicas para garantir a súa seguridade e saúde no traballo.
Durante a charla tratáronse temas como:
- 
A integración da prevención de riscos laborais na organización empresarial. 
- 
Os conceptos básicos e a base legal da prevención. 
- 
O plan de prevención como ferramenta esencial de xestión. 
- 
O papel do servizo de prevención e as obrigas de empresarios e traballadores. 
- 
O liderado e a implicación dos mandos intermedios e superiores na cultura preventiva. 
O técnico do ISSGA destacou que “a prevención debe formar parte da xestión global da empresa e implicar a todos os niveis xerárquicos”, lembrando que unha adecuada xestión preventiva debe adaptarse ás características de cada organización —o seu tamaño, actividades e riscos específicos—.
A realización de visitas aos centros de formación profesional de Galicia para fomentar e concienciar o alumnado sobre a importancia da prevención e da cultura preventiva enmárcase no Plan de actuación 2025 do ISSGA, dentro do Eixo 5: Sensibilización e aprendizaxe na Formación Profesional. Este eixo ten como obxectivo introducir ao profesorado e ao alumnado da formación profesional no aprendizaxe do traballo seguro, integrando a seguridade e saúde laboral como parte esencial da aprendizaxe teórica e práctica das distintas ramas profesionais.