Novas

Xoves, Maio 31, 2012

O Issga aborda a prevención de riscos laborais de maneira integral en 2012 a través da articulación de 72 actuacións

A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe nunha xornada sobre prevención de riscos laborais en Santiago na que explicou o Plan de Actividades do ISSGA para 2012

Este plan desenvolve por segundo ano a Estratexia de Prevención de Riscos Laborais en Galicia 2011-2014, acordada no marco do Diálogo Social

Así mesmo, máis de 2.500 persoas poderán formarse en 28 xornadas técnicas programadas polo ISSGA en 2012

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), dependente da Consellería de Traballo e Benestar, está a desenvolver ao longo do 2012 un Plan de Actividades de carácter integral e no que se abordan accións nas distintas disciplinas preventivas, de seguridade no traballo, hixiene industrial, ergonomía e psicosocioloxía aplicada e medicina do traballo, e que se destina aos distintos sectores de actividade e especialmente ás pequenas e medianas empresas.

A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, presentou hoxe o Plan de Actividades do ISSGA para 2012 nunha xornada sobre prevención de riscos laborais en Santiago, organizada por FINSA. Na súa intervención, a directora indicou que este plan contén 72 actuacións estruturadas en 6 eixos ou epígrafes xenéricos: xestión de procesos, Observatorio Galego de condicións de Traballo, xestión da sinistralidade, accións de colaboración e asesoramiento técnico, plans e programas de redución da sinistralidade, e formación, difusión e sensibilización.

Este plan desenvolve por segundo ano a Estratexia de Prevención de Riscos Laborais en Galicia 2011-2014, acordada no marco do Diálogo Social. Ademais conta coa aprobación por unanimidade na reunión do 15 de decembro do órgano de Goberno do Instituto, onde teñen presenza ademais da autoridade laboral, sanitaria e de minas, a CEG e os tres sindicatos máis representativos a nivel autonómico.
Entre as iniciativas que se están a desenvolver este ano, destacan como novidades o programa forestal, o mapa das enfermidades profesionais, a participación na Plataforma técnica de saúde laboral para a declaración de sospeitas de enfermidades profesionais, e os estudios epidemiolóxicos de redeiras.

Accións formativas
Doutra banda, máis de 2.500 persoas poderán formarse en 28 xornadas técnicas programadas polo ISSGA en 2012, que abarcan as distintas especialidades preventivas (seguridade, hixiene, ergonomía e psicoloxía, e medicina no traballo), das cales 9 serán no centro da Coruña, 7 no de Ourense e 6 nos de Lugo e Pontevedra.

Entre as accións formativas destaca a que se dedicará á prevención e seguridade no sector forestal, que completa o programa específico para este sector; o dedicado ao risco ergonómico; a presentación en Galicia das guías técnicas de construción e simplificación documental; ou á integración do xénero da prevención de riscos laborais.

Ademais, este ano terán lugar 12 cursos nos catro centros provinciais dirixidos a empresarios, traballadores autónomos ou por conta allea, traballadores designados e delegados de prevención.