Mércores, Setembro 30, 2026
O Issga aborda a prevención de riscos laborais con perspectiva de xénero no Campus de Igualdade Laboral
Lugo, 29 de setembro de 2026
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) participou no taller formativo "A prevención de riscos laborais con perspectiva de xénero»" celebrado no marco das actividades do Campus de Igualdade Laboral da Xunta de Galicia. A sesión foi impartida por Myriam Garabito Cociña, xefa do Centro do Issga en Lugo, vocal da Comisión para a Integración da Igualdade nas Políticas de Prevención de Riscos Laborais e membro do Grupo de Traballo de Integración da Perspectiva de Xénero na PRL da RISST.
Durante o taller abordouse a incorporación da perspectiva de xénero como elemento transversal da xestión preventiva, tendo en conta que as diferentes condicións de traballo de mulleres e homes poden influír na exposición aos riscos e nas súas consecuencias para a saúde. Entre os aspectos tratados estiveron a segregación horizontal e vertical, as condicións de emprego, a división sexual do traballo, os factores ergonómicos e psicosociais, a dobre e tripla presenza e as diferenzas biolóxicas e antropométricas.
A formación puxo o foco na necesidade de superar a idea dunha persoa traballadora estándar e adaptar a prevención á diversidade real das persoas. Neste sentido, analizouse a importancia de integrar esta perspectiva desde a avaliación de riscos ata a planificación e aplicación das medidas preventivas, incluíndo o deseño dos postos e das ferramentas, a selección dos equipos de protección individual, a información e formación, a participación e a vixilancia da saúde. Tamén se salientou que a perspectiva de xénero debe aplicarse ao conxunto da xestión preventiva e non limitarse á protección da maternidade.
A sesión incorporou exemplos prácticos relacionados coa ergonomía e o deseño dos postos de traballo, así como a análise dos factores sociais, organizativos e biolóxicos que poden modificar a exposición aos riscos. A xornada contou tamén coa participación de Manuel Velázquez Fernández, inspector de Traballo e Seguridade Social do Ministerio de Traballo e Economía Social, que abordou a saúde psicosocial e o acoso sexual desde a perspectiva preventiva e da actuación inspectora.
A participación do Issga neste Campus contribúe a avanzar na integración efectiva da perspectiva de xénero na prevención de riscos laborais, trasladando este enfoque á práctica preventiva e favorecendo medidas máis axustadas ás características e ás condicións reais das persoas traballadoras.