Martes, Outubro 20, 2026
O Issga aborda o papel do liderado saudable na prevención dos riscos psicosociais no marco da Semana Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo
Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2026
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) celebrou hoxe en colaboración con MC Mutual, no marco da Semana Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo, a xornada técnica en formato webinar Liderado saudable.
A xornada enmárcase na campaña europea Traballos saudables, que no período 2026-2028 leva por lema «Compromiso pola saúde mental no traballo» e busca concienciar sobre os riscos psicosociais e impulsar contornas laborais saudables, inclusivas e solidarias.
A sesión abordou a seguridade psicolóxica e o papel do liderado na creación de contornas de confianza, destacando a importancia da escoita activa, a empatía, a participación e a corresponsabilidade na prevención dos riscos psicosociais.
Cun enfoque práctico, o webinar proporcionou pautas para mellorar a comunicación e a colaboración nos equipos, favorecer a aprendizaxe continua e contribuír á prevención dos conflitos e do estrés laboral.
Con esta iniciativa, o Issga contribúe ao desenvolvemento da campaña europea Traballos saudables e á difusión de enfoques preventivos que sitúan as persoas e a calidade das relacións laborais no centro da construción de contornas de traballo máis saudables.