Novas

Venres, Novembro 05, 2010

O ISSGA aborda en Lugo o acoso psicológico laboral

Hoxe está a ter lugar no Centro do ISSGA de Lugo a xornada técnica “Acoso psicolóxico no traballo (MOBBING)" para tratar todas as cuestións que rodean esta problemática no ámbito laboral da man de expertos na materia.

Na actualidade o mobbing ou acoso psicolóxico no traballo está englobado dentro do delito xenérico de acoso no Código Penal español. A partir do 23 de decembro do 2010, coa entrada en vigor da nova reforma do Código Penal, o acoso laboral pasará a estar tipificado como tal dentro dos delitos de torturas e contra a integridade moral.

A xornada técnica do ISSGA será inaugurada por Nieves Novo Lodeiro , xefa do Centro do ISSGA en Lugo. Juan Manuel Rodríguez Lorenzo, xefe da Sección de Recoñecementos e Analítica do Centro ISSGA de Ourense impartirá o relatorio “Mobbing, a praga do século XXI” , Nicolás González Raposo, xefe da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Lugo, falará sobre “A inspección de traballo e os riscos psicosociais”, e Fernando Fernández Olmedo, maxistrado -xuíz do Xulgado do Social nº 1 de Lugo, exporá “Casos prácticos de acoso psicolóxico no traballo ante os tribunais do social” .

A continuación celebrarase un coloquio entre todos os asistentes, que será moderado por Nieves Novo Lodeiro, xefa do Centro do ISSGA en Lugo.