Novas

Martes, Novembro 16, 2010

O ISSGA aborda en Lugo e Ourense o novo regulamento europeo de clasificación, envasado e etiquetaxe de substancias químicas

O ISSGA aborda en Lugo e Ourense o novo regulamento europeo de clasificación, envasado e etiquetaxe de substancias químicas

O ISSGA vai impartir a xornada técnica titulada "Nova normativa sobre clasificación, envasado e etiquetaxe de substancias químicas. Regulamento CE/1272-08" o 17 de novembro no Centro do ISSGA de Lugo e o día 18 no de Ourense.

Co presente Regulamento preténdese garantir un funcionamento eficaz do mercado interior, un desenvolvemento sustentable e un elevado nivel de protección da saúde humana e do medio ambiente, así como a libre circulación de sustancias químicas, mesturas e certos artigos específicos, á vez que se fomentan a competitividade e a innovación.

A xornada técnica do día 17 será presentada pola xefa do Centro ISSGA de Lugo, Nieves Novo Lodeiro mentres que o día seguinte en Ourense corresponderalle ao xefe do ISSGA nesa localidade, Ángel López Fernández. De seguido, Montserrat Vega Castillo, responsable de Risco Químico da área de Prevención e Produtos de Mutua Universal ofrecerá dous relatorios. Por unha banda falará de “GHS e CLP, o Novo Regulamento Europeo sobre Clasificación, Etiquetaxe e Envasado de Substancias e Mesturas” no que explicará que é o GHS e CLP, como será a partir de agora a etiqueta dos produtos químicos, como se farán estes cambios e como poden afectar á empresa.

O segundo relatorio consistirá no “Regulamento CE n.º 1907/2006 (REACH), relativo ao rexistro, a avaliación, a autorización e a restrición das substancias e preparados químicos” para describir a situación actual e relación co GHS, a relación co CLP, as fichas de datos de seguridade e as consecuencias do incumprimento da Lei 8/2010.