Novas

Xoves, Outubro 08, 2026

O Issga aborda a adaptación do traballo ante o relevo xeracional e a diversidade de xénero no sector do granito

imaxe da xornada

Pontevedra, 8 de outubro de 2026

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) participou hoxe  nunha xornada divulgativa dirixida ao sector do granito en Pontevedra, cunha ponencia sobre a adaptación do traballo ante o relevo xeracional e a diversidade de xénero, a cargo de Myriam Garabito Cociña, xefa do Centro territorial do Issga en Lugo.

Baixo o fío condutor de que «unha plantilla que cambia esixe un traballo capaz de adaptarse», a intervención puxo o foco na necesidade de evolucionar cara a unha prevención que non se limite a identificar os riscos, senón que permita adaptar as condicións de traballo ás diferentes persoas e etapas da vida laboral.

No contexto do sector do granito, abordáronse cuestións como a xestión da idade e a capacidade de recuperación, a adaptación ergonómica dos postos, o uso de axudas técnicas e a automatización para reducir esforzos e exposicións, así como a integración da perspectiva de xénero no deseño de postos, ferramentas, equipos de protección individual e espazos de traballo.
A ponencia prestou tamén especial atención á exposición á sílice cristalina respirable, salientando a importancia de identificar as tarefas críticas, caracterizar as exposicións e comprobar a eficacia real das medidas preventivas, desde a mecanización e os métodos húmidos ata a captación en orixe, a limpeza e o mantemento.

Outro dos aspectos destacados foi a importancia de preservar e transferir o coñecemento preventivo acumulado pola experiencia profesional, aproveitando o relevo xeracional como unha oportunidade para atraer, incorporar, desenvolver e reter talento no sector.

A intervención concluíu coa necesidade de avanzar cara a unha PRL para unha vida laboral segura, saudable e sostible, pasando de previr unicamente o dano a preservar a capacidade de traballo ao longo de toda a vida laboral.