Novas

Luns, Outubro 01, 2012

O ISGGA promove unha guía técnica de prevención de riscos laborais no sector do cerco dirixida a preto de 1.300 mariñeiros

O ISGGA promove unha guía técnica de prevención de riscos laborais no sector do cerco dirixida a preto de 1.300 mariñeiros

• A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, Adela Quinzá-Torroja, presentou a publicación que promove e fomenta a formación dos axentes implicados na prevención

• O manual, feito en colaboración co Servizo Mancomunado Mar Seguro de Galicia e que está a editar a Federación Provincial de Confrarías de Coruña, estará a disposición dos traballadores nas confrarías

Malpica (A Coruña).- A Consellería de Traballo e Benestar, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), está a promover unha guía técnica de prevención de riscos laborais no sector pesqueiro do cerco que está dirixida a preto de 1.300 mariñeiros aproximadamente.

A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, acompañada polo secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, presentou o sábado esta iniciativa que está feita en colaboración co Servizo Mancomunado Mar Seguro de Galicia e que está a editar a Federación Provincial de Confrarías de Coruña. “É unha ferramenta clara e directa para identificar os riscos e eliminalos”, apuntou.

Co manual perséguese promover e fomentar a formación dos axentes implicados na prevención. Para elaborar a publicación, da que se editarán máis de mil exemplares, a directora do ISSGA explicou que se tiveron en conta as peculiaridades dos diferentes ambientes mariños da costa galega.

“Trátase dunha ferramenta completa, sinxela e de fácil comprensión para mellorar a prevención de riscos laborais nestas actividades laborais”, apuntou Quinzá.

Os interesados en ter esta guía técnica poderán atopala nas sedes das confrarías de pescadores de Galicia. A iniciativa enmárcase no Plan Estratéxico para a Prevención de Riscos Laborais en Galicia 2011-2014 e no Plan de Actuación do ISSGA para o 2012.

Por último, a directora do ISSGA indicou que esta iniciativa se suma a outras que está a levar a Consellería de Traballo e Benestar en materia de prevención de riscos laborais no sector marítimo como son O Plan Vixía, o estudo epidemiolóxico dirixido ás mariscadoras e redeiras, así como as diferentes campañas de información e formación destinadas á pesca de baixura.