Novas

Luns, Outubro 27, 2025

O IES da Terra Chá acolle un curso sobre prevención de riscos laborais no sector forestal

imaxe curso motoserra

Castro Ribeiras do Lea, 27 de outubro de 2025

O IES da Terra Chá, José Trapero Pardo, acolle durante os días 27, 28 e 29 de outubro un curso de 15 horas sobre prevención de riscos laborais no sector forestal, centrado no manexo seguro da motoserra e da rozadoira, destinado ao alumnado do Ciclo Superior de Xestión Forestal e do Medio Natural.

O curso é impartido polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) e incorpora metodoloxías innovadoras de gamificación para facer máis dinámica e práctica a formación en materia de prevención de riscos laborais (PRL).

Obxectivos da formación

A actividade formativa ten como obxectivo proporcionar aos futuros profesionais do sector habilidades específicas en prevención de riscos, fomentar a adquisición de hábitos seguros de traballo, mellorar a calidade das tarefas forestais e sensibilizar sobre a importancia da prevención para reducir accidentes laborais.

O curso enmárcase no Plan de actuación 2025 do ISSGA, no eixe 5.3.3 “Sensibilización e aprendizaxe na Formación Profesional”, e contribúe ao cumprimento do Obxectivo Estratéxico 5 da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027.

Contidos principais
  • Seguridade e saúde no traballo: conceptos básicos, lexislación e papel do ISSGA.

  • Prevención de riscos no manexo de maquinaria forestal: motoserra e rozadoira.

  • Equipos de protección individual (EPI).

  • Planificación dos traballos de aproveitamento: recoñecemento de parcelas e organización do método de traballo.

  • Primeiros auxilios e actuación en caso de accidente.

  • Prácticas de manexo seguro da motoserra e rozadoira: identificación de dispositivos de seguridade, mantemento, montaxe e técnicas de traballo.

Contexto educativo

A Formación Profesional permite que o alumnado adquira coñecementos directamente relacionados coas ocupacións e o mercado laboral. Aprender a traballar de maneira segura desde a formación inicial prevén malos hábitos laborais futuros e contribúe a un sector forestal máis seguro e responsable.