Martes, Maio 30, 2017
O grupo técnico de traballo de amianto do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral reuniuse hoxe en Santiago
- Neste grupo participan técnicos da administración e das organizacións sindicais e empresariais.
Santiago de Compostela, 30 de maio de 2017. A sede do ISSGA en Santiago de Compostela, no Complexo Administrativo de San Lázaro, acolleu hoxe unha nova xuntanza do grupo técnico de traballo de amianto do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral.
Os obxectivos principais deste grupo céntranse en facer un seguimento do grao de cumprimento da normativa sobre amianto na nosa comunidade e propoñer e impulsar a posta en marcha de actuacións conxuntas para un mellor cumprimento da normativa, ou mesmo impulsar iniciativas xa postas en marcha por organismos ou organizacións empresariais ou sindicais concretas. As actuacións, dirixidas a diferentes colectivos e sectores se é o caso, poderán ser de tipo informativo, de asesoramento, ou de estudo/investigación para a mellora das medidas técnicas de prevención e protección nos traballos con amianto.
O grupo, constituído en marzo do ano 2012 por mandato do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral e no que participan técnicos da administración e das organizacións sindicais e empresariais, estudou nesta xuntanza o desenvolvemento de propostas do grupo, entre as que cómpre destacar o curso de amianto para a administración local, a proposta sobre puntos limpos e campaña de información en amianto ou mesmo o plan renove de cubertas.