Martes, Decembro 10, 2024
O grupo de traballo técnico no sector forestal do ISSGA reúnese en Vilalba
Vilalba (Lugo), 10 de decembro de 2024. Hoxe tivo lugar unha nova reunión do grupo de traballo técnico no sector forestal do Issga, cun marcado carácter eminentemente práctico, xa que o persoal que integra este grupo trasladouse ata Vilalba para coñecer un novo espazo que a empresa ENCE ten nesta localidade, na que dispón duns simuladores e un sendeiro de riscos forestais que ten como obxectivo mellorar a formación na actividade laboral dos motoserristas.
Durante a visita abordaranse as operacións que causan máis sinistros co obxectivo de sensibilizar e de asesorar incidindo nas medidas preventivas que eviten accidentes, sobre todo na corta polo pé, derramado e tronzado, a roza no monte, a singularidade de operacións coma ao apeo de árbores sentadas e apoiadas, etc
A visita enmárcase dentro do conxunto de reunións que vén celebrando de xeito periódico dende hai anos o grupo de traballo técnico do sector forestal do ISSGA e cuxo obxectivo principal é fomentar a concienciación no sector sobre a perigosidade das tarefas asociadas a estes postos de traballo facendo un esforzo por chegar a todo o sector, dende o persoal traballador, ata o tecido empresarial así como os seus prevencionistas.
O actividade actual do grupo de traballo céntrase nun documento sobre os equipos de protección individual en diferentes postos de traballo na actividade forestal que será presentado nos vindeiros meses.
Integran este grupo o persoal técnico do ISSGA, a entidade Fearmaga (Federación Empresarial de Aserradores e Rematantes de Madera de Galicia), as empresas Ence e Finsa, que son referentes do sector da transformación da madeira en España e a Asociación Provincial de Empresarios da 1ª Transformación da Madeira de Lugo.
No Plan de actuacións do ISSGA 2024 o sector forestal inclúese como un sector de actuación prioritaria e preferente, tanto no eido do estudo e investigación de accidentes coma no asesoramento técnico a empresas e promoción da prevención de riscos laborais así como da realización de diversas actividades formativas.