
- Hoxe tivo lugar unha nova reunión na sede do ISSGA en Santiago
Santiago de Compostela, 3 de maio de 2023.
Este grupo de traballo ten como obxectivo a elaboración de documentos técnicos formativos e informativos sobre condicións de traballo seguras que permitan sensibilizar e abordar a sinistralidade laboral nun sector estratéxico como é o forestal.
Integran este grupo de traballo, ademais do persoal técnico do ISSGA, a entidade Fearmaga (Federación Empresarial de Aserradores e Rematantes de Madera de Galicia), as empresas Ence e Finsa, que son referentes do sector da transformación da madeira en España, e a Asociación Provincial de Empresarios da 1ª Transformación da Madeira de Lugo. A participación da parte empresarial funciona como canle de comunicación bidireccional e ao mesmo tempo propicia un efecto dominó, polo que as empresas de maior tamaño impulsan ás pequenas empresas e ao persoal autónomo na mellora e aplicación de ferramentas preventivas.
O grupo de traballo rematou a elaboración de carteis sobre a sinalización dos traballos no monte, enfocados á dobre vertente de advertir da presenza de traballos forestais ao persoal alleo aos aproveitamentos silvícolas e ao mesmo tempo informar ao persoal traballador de pautas de seguridade, riscos, recomendacións preventivas, uso de EPI, etc.
Estes documentos están dirixidos tanto ao persoal traballador como ás persoas alleas, recalcando a importancia da súa localización e que os deseños sexan suficientemente claros. As propostas do grupo guíanse polo Real decreto 485/1997, sobre disposicións mínimas en materia de sinalización de seguridade e saúde no traballo e a correspondente Guía Técnica do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST). Así, os pictogramas que se empregan son o máis sinxelos posibles para facilitar a súa visibilidade e comprensión; o material dos sinais debe ser resistentes aos golpes, inclemencias e agresións medioambientais.
Elaboráronse en diferentes formatos (A2, A3, A4, 50x70 e 70x100) e tanto en galego como en castelán para que as empresas poidan utilizar o que mellor se adapte aos traballos forestais que vaian realizar.
A actividade do grupo continúa e está centrada nestes intres nun documento sobre zonas de risco, seguridade e distancias nos traballos de aproveitamento forestal.
No Plan de actuacións do ISSGA 2023 o sector forestal inclúese como un sector de actuación prioritaria e preferente, tanto no eido do estudo e investigación de accidentes, no asesoramento técnico a empresas, na promoción da prevención de riscos laborais así como da realización de diversas actividades formativas e outras actuacións no sector co apoio e asesoramento deste grupo de traballo.
- Documentos