Martes, Outubro 06, 2026
O grupo de traballo de investigación de accidentes do Issga reforza o intercambio de coñecementos e a coordinación técnica
A Coruña, 30 de setembro de 2026.
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) celebrou o pasado mércores 30 de setembro no seu centro territorial da Coruña unha nova reunión do grupo de traballo interno sobre investigación de accidentes laborais, integrado por persoal técnico dos catro centros provinciais.
A xuntanza enmárcase nas actuacións que o Issga desenvolve para favorecer a coordinación e o intercambio de coñecementos entre os equipos técnicos, así como para avanzar na homoxeneización dos criterios empregados na análise e investigación dos accidentes de traballo.
Durante a reunión analizáronse diferentes accidentes laborais significativos ocorridos nas distintas provincias galegas. A partir do estudo dos casos e da súa posterior discusión e posta en común, o persoal técnico compartiu experiencias, coñecementos e criterios de actuación derivados da práctica profesional.
Este traballo permite abordar situacións de especial complexidade desde unha perspectiva común, ampliar os coñecementos técnicos e identificar aqueles aspectos que poden contribuír á mellora das investigacións de accidentes. A posta en común dos casos favorece, ademais, que as conclusións obtidas poidan ser trasladadas ás actuacións desenvolvidas nos distintos centros territoriais.
O grupo de traballo constitúe así un espazo de colaboración e aprendizaxe entre o persoal técnico do Issga, no que se promove a revisión e actualización de coñecementos e a construción de criterios compartidos, contribuíndo a unha maior coherencia e calidade das actuacións técnicas desenvolvidas polo Instituto.
A investigación dos accidentes de traballo permite coñecer as circunstancias e causas que contribuíron á súa materialización e identificar medidas preventivas destinadas a evitar a súa repetición. Neste sentido, a análise técnica dos accidentes significativos constitúe unha ferramenta de especial interese para xerar coñecemento e reforzar a prevención dos riscos laborais.
Con iniciativas como esta, o Issga continúa avanzando na mellora das súas actuacións técnicas, promovendo o intercambio de experiencias entre o seu persoal técnico e a aplicación de criterios comúns que contribúan á prevención dos accidentes de traballo e á protección da seguridade e saúde do persoal traballador.