Mércores, Xuño 03, 2026
O grupo de traballo de investigación de accidentes do Issga avanza en Lugo na mellora das actuacións técnicas
Lugo, 3 de xuño de 2026.
O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) celebrou hoxe no seu centro territorial de Lugo unha nova reunión do grupo de traballo interno sobre investigación de accidentes laborais, integrado por persoal técnico dos catro centros provinciais.
A xuntanza enmárcase nas actuacións que o Issga desenvolve para impulsar a mellora continua da calidade das investigacións de accidentes de traballo, reforzar a coordinación entre os equipos técnicos e favorecer a homoxeneización dos criterios de actuación empregados nas distintas provincias.
Durante a reunión analizáronse diferentes casos investigados recentemente, compartindo experiencias e coñecementos derivados da práctica técnica diaria. Este intercambio permite identificar aspectos de mellora, abordar situacións complexas desde unha perspectiva común e fortalecer a capacidade de análise dos accidentes laborais co obxectivo de avanzar na prevención de novos sinistros.
O grupo de traballo constitúe un foro permanente de colaboración entre o persoal técnico encargado das investigacións, no que se promove a actualización de coñecementos, a revisión de procedementos e a elaboración de criterios compartidos que contribúan a unha maior calidade e eficacia das actuacións desenvolvidas polo Instituto.
A investigación dos accidentes de traballo é unha ferramenta fundamental para coñecer as causas que os provocan e identificar medidas preventivas que eviten a súa repetición. Neste sentido, os informes técnicos elaborados polo persoal do Issga constitúen un importante apoio para a autoridade laboral, a Inspección de Traballo e Seguridade Social e, cando procede, para os órganos xudiciais.
Con iniciativas como esta, o Issga reforza o seu compromiso coa prevención dos riscos laborais e coa redución da sinistralidade laboral en Galicia, apostando pola mellora continua dos seus procedementos técnicos e pola xeración de coñecemento útil para a protección da seguridade e saúde das persoas traballadora.