Novas

Xoves, Maio 27, 2010

O Centro ISSGA de Rande celebra unha xornada técnica sobre drogodependencias no traballo

O ISSGA celebra o vindeiro 28 de maio no seu Centro de Rande a xornada técnica “Drogodependencias no ámbito da saúde laboral” co obxectivo de reflexionar sobre ás implicacións que na saúde laboral ten o consumo de drogas e alcohol e facer frente a esta problemática social á que se lle atribúen importantes perdas persoais e materiais e que afecta a un número considerable de traballadores.

Esta xornada, que será presentada por José Antonio Rodríguez Arribe, xefe do Centro ISSGA de Rande, contará coa participación de acreditados expertos que analizán o tema dende diferentes puntos de vista. Tomás Camacho García, director médico do Laboratorio de Análises Clínicos Lema-Bandín, especialista en Toxicoloxía pola Universidade de Harvard e membro do AIHA Biological Monitoring Comité, realizará unha presentación da prevención de accidentes dende unha perspectiva da toxicoloxía así como das posibilidades que existen de establecer controis de consumo de drogas nos centros de traballo.

Marta Durántez Gil, fiscal delegada de Sinistralidade Laboral da Fiscalía Xeral do Estado para a provincia de Pontevedra, analizará os aspectos legais que conleva o binomio consumo de drogas-traballo, a lexislación que lle afecta, así como os dereitos e obrigas para empresarios e traballadores.

A continuación, José Luis Martínez-Murillo Méndez, xefe do Servizo de Saúde de Peugeot-Citroën Vigo, ofrecerá unha visión da drogodependencia dende o punto de vista da medicina preventiva e dende a perspectiva de quen dirixe o servizo de saúde dunha empresa grande. Para rematar, María José Alvarez Alonso, diplomada universitaria en Enfermería da Unidade de Axuda ao Drogodependente, CEDRO, falará da súa experiencia traballando con persoas drogodependentes, as dificultades que se presentan á hora de compaxinar o consumo de drogas ilegais e o traballo.

A xornada rematará cun coloquio, moderado por Antonio Lama Varela, técnico do Centro ISSGA de Rande, para preguntar e debatir os aspectos tratados na xornada.