Mércores, Abril 28, 2010
O Centro ISSGA de Rande acollerá a aula de prevención de risco eléctrico que formará en seguridade laboral a miles de traballadores galegos
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, inaugurou hoxe este proxecto que nace a través dun acordo entre o Issga e Gas Natural Fenosa.
Esta iniciativa beneficiará especialmente aos empresarios e traballadores da industria e da construción en xeral, e do naval en particular.
O centro de seguridade e saúde laboral de Rande, en Vigo, contará a partir de agora cunha aula de prevención de risco eléctrico, que permitirá formar en seguridade e saúde laboral a miles de traballadores galegos. En concreto, este proxecto beneficiará especialmente aos empresarios e traballadores da industria e da construción en xeral, e do naval en particular.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, inaugurou onte este espazo neste centro dependente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA). Ademais, fíxose tamén efectiva a firma do convenio de colaboración entre o ISSGA e Gas Natural Fenosa, que estivo representada polo seu director de medios, seguridade, calidade e medio ambiente, José Luis Galán. Este acordo ten como obxectivo encher este espazo de contido en accións formativas e preventivas.
"Os traballadores galegos que desenvolven o seu traballo nun entorno de potencial risco eléctrico estarán a partir de agora máis protexidos e mellor formados", asegurou a titular do departamento autonómico, quen fixo fincapé en que esta aula será o “centro neurálxico” da prevención de riscos laborais no eido eléctrico para toda Galicia.
Entre os beneficiarios que se formarán neste espazo de prevención, Mato citou ás empresas colaboradoras no mantemento de instalacións de Gas Natural Fenosa en Galicia; aos preto de 900 autónomos e empresas integradas na Federación galega de asociacións de instaladores eléctricos; aos traballadores e técnicos de instalacións eléctricas dos asteleiros de Aclunaga (no que están representadas 180 empresas); e aos traballadores da industria auxiliar do sector naval.
Os estudantes dos ciclos de electricidade tamén terán a oportunidade de cursar módulos formativos específicos.
Sobre a dotación de medios da aula, a conselleira agradeceu a colaboración de Gas Natural Fenosa, tanto a través do convenio, como mediante a cesión dunha “importante dotación de medios técnicos” para equipar este espazo formativo.
Pola súa banda, o director de seguridade de Gas Natural Fenosa, José Luis Galán, mostrou a súa confianza en que este proxecto “contribúa ao coñecemento e a unha aplicación correcta e sistematizada dos traballos eléctricos, co obxectivo claro e firme de seguir apostando por un traballo profesional e seguro”.
Neste sentido, lembrou o compromiso da súa empresa coa seguridade e saúde laboral “como piares estratéxicos” da responsabilidade corporativa e fixo fincapé na “colaboración estreita e firme” desta empresa coas institucións co fin de promover e fomentar a formación e prevención en riscos laborais.
Escola de prevención de riscos laborais
Durante a súa intervención, a conselleira sinalou que a aula de risco eléctrico complementará a futura Escola de prevención de riscos laborais do ISSGA que se rematará de construír proximamente nese mesmo edificio. En total, o importe conxunto da posta en marcha da aula e da Escola supera os 80.000 euros.
A posta en funcionamento deste centro formativo “consolidará unha instalación de primeiro nivel na educación e formación dos nosos traballadores actuais e, moi importante, das novas xeracións”, proseguiu Mato, quen recordou que o 28 de abril se conmemora o Día internacional de seguridade e saúde no traballo.
Sobre esta celebración, resaltou que contra a sinistralidade laboral “loitase día a día” e realizou un chamamento á implicación de toda a sociedade.
Ademais, apuntou que o Goberno galego está a reforzar as tarefas do ISSGA. De feito, este órgano vén de aprobar por unanimidade –cos tres sindicatos e a CEG- un Plan de actividades para 2010, no que se recolle, entre outras novidades, a posta en marcha dun Observatorio galego de condicións de traballo
A isto hai que sumarlle que durante o primeiro semestre deste ano crearase a Comisión permanente para as políticas de igualdade en materia preventiva e a avaliación do impacto en cuestións de xénero que, entre outros asuntos, buscará solucións para as enfermidades profesionais frecuentes nas actividades tradicionalmente feminizadas.
Mato adiantou tamén que, no marco do diálogo social, xa se está traballando na elaboración do segundo Plan estratéxico, que se iniciará a partir de 2011, e dará continuidade ao que estivo vixente de 2006 a 2010.