Novas

Venres, Xuño 01, 2018

O Centro Issga de Pontevedra acolle unha xornada sobre a seguridade en fase de encofrados

O Centro Issga de Pontevedra acolle unha xornada sobre a seguridade en fase de encofrados

Rande-Redondela, 1 de xuño de 2018. A Asociación de fabricantes de encofrados e cimbras, AFECI, organizou hoxe unha xornada divulgativa no Centro Issga de Pontevedra (Rande-Redondela), e faino coa colaboración da Asociación de Profesionais de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, APROSAL, e do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, ISSGA.

A xornada virou ao redor da seguridade en fase de estruturas e a actualización do marco normativo e as novas ferramentas, aínda que tamén houbo tempo para repasar a situación e evolución da fabricación de encofrados e cimbras en España.

Os temas tratados foron a actualización do marco normativo e as novas ferramentas sobre encofrados e cimbras, principalmente:

  • Guía informativa sobre encofrados e cimbras

  • As Notas Técnicas de Prevención (NTP) sobre cimbras montadas con elementos prefabricados 1069 (Normas construtivas) e 1070 (Montaxe e utilización)

  • A norma UNE/180-201 (Encofrados. Deseño xeral, requisitos de comportamento e verificacións)

O ISSGA, como órgano técnico en materia de seguridade e saúde laboral da Administración galega, debe ser referente na difusión do coñecemento en materia preventiva, concentrando accións formativas tanto propias como en colaboración con outras entidades e órganos técnicos especializados, de xeito que se convertan en focos de transmisión de saber preventivo.

A divulgación destes coñecementos é unha parte fundamental da prevención de riscos laborais e así se recolle no seu Plan de actividades 2018, constituíndo un dos seus obxectivos recorrentes potenciar a formación en materia de prevención dos riscos laborais.