Venres, Abril 05, 2019
O centro ISSGA de Pontevedra acolle hoxe unha xornada sobre a actuación das mutuas
Rande-Redondela, 5 de abril de 2019. Hoxe ten lugar a xornada “Actuacións das mutuas máis alá dun accidente de traballo” na que se analiza a importancia das mutuas máis ala da súa responsabilidade de dar cobertura ás prestacións derivadas das continxencias profesionais, tendo en conta que as novas responsabilidades recaídas sobre elas - xestión de continxencias comúns e asesoramento preventivo - lles outorga no presente e no futuro.
Coñecelas en profundidade e reflexionar sobre o seu papel e sobre os cambios que se han de producir na súa xestión e funcionamento é unha obriga que os prevencionistas non poden eludir, xa que estas institucións prestan os seus servizos a case 10 millóns de traballadores e traballadoras.
Conforme á Lei Xeral da Seguridade Social, a acción protectora do Sistema de Seguridade Social comprende un grande abano de prestacións. Algunhas delas corresponden ás mutuas e seguramente a máis coñecida sexa a de asistencia sanitaria, incluída a rehabilitación, nos casos de enfermidade profesional e de accidentes de traballo.
Con todo, existen moitas outras que a poboación en xeral descoñece ou non ten moita información sobre elas, por exemplo as prestacións de risco durante o embarazo e risco durante a lactación natural ou as prestacións por cesamento de actividade, o fondo de prestacións especiais e readaptación profesional, a protección social do traballador autónomo e as actuacións das mutuas en prevención, entre outras, que son tratados nesta interesante xornada técnica.
Segundo establece o Real Decreto 860/2018, as mutuas desenvolven os seguintes programas de actividades preventivas:
-
Actividades de asesoramento ás empresas asociadas e aos traballadores autónomos adheridos.
-
Programa de difusión do servizo “Prevención 10” e “Prevención 25”
-
Programa de asesoramento a pemes para a adaptación e recolocación de traballadores accidentados ou con patoloxías de orixe profesional.
-
Programa de control e redución da sinistralidade en empresas.
O obxectivo desta xornada é dar a coñecer todas as actividades preventivas desenvolvidas polas mutuas e, en particular, as contempladas no programa desta xornada: subsidio de risco durante o embarazo e a lactación; traballo social: fondo de prestacións especiais e readaptación profesional; a protección social do traballador autónomo e as actuacións das mutuas en prevención.