Mércores, Xuño 09, 2010
O Centro ISSGA de Ourense celebra a xornada técnica “PRL, organización empresarial, estilos de mando”
O vindeiro 11 de xuño terá lugar no Centro do ISSGA de Ourense unha xornada técnica sobre Prevención en Riscos Laborais, organización empresarial e estilos de mando, que ten por obxectivo analizar como os distintos sistemas de organización empresarial e as diversas formas de estilos de mando inflúen sobre a posta en práctica da prevención nas empresas, na xestión da prevención e na integración.
A xornada, que será inaugurada por Ángel López Álvarez, xefe do Centro do ISSGA en Ourense, comezará cunha explicación por parte dun técnico do ISSGA sobre a importancia da organización empresarial e os estilos de mando na xestión da PRL na empresa.
A continuación, Moisés Alberto García Núñez, director da Facultade de Ciencias do Traballo de Ferrol, afondará na importancia da organización empresarial e a súa relación coa xestión da prevención de riscos laborais nas empresas, e José Mª Rolón Varela, secretario da Facultade de Ciencias do Traballo de Ferrol, falará dos estilos de liderado na empresa e a súa influencia sobre a implantación da prevención dos riscos.
Na segunda parte da xornada, ofrecerase a visión do día a día que se atopa un servizo de prevención alleo da man dun técnico da Sociedade de Prevención de FREMAP, e José Manuel González Tizón, xefe de recursos humanos de FAURECIA en Ourense, compartirá a súa experiencia na materia, explicando a organización empresarial e os estilos de mando e a influencia sobre a prevención de riscos laborais en FAURECIA.
A xornada será clausurada pola directora xeral do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja García , tras celebrar un coloquio entre todos os asistentes.