Luns, Outubro 25, 2010
O centro ISSGA de Ourense celebra a xornada técnica "Estratexias de motivación de persoal en PRL"
O ISSGA imparte o vindeiro 28 de outubro no seu centro de Ourense a xornada técnica “Estratexias de motivación de persoal en PRL” na que participan profesionais expertos en impulsar a prevención de riscos laborais na estrutura organizativa das empresas.
A xornada, que será inaugurada por Ángel López Álvarez, xefe do Centro do ISSGA en Ourense, estrutúrase enfocada á importancia da motivación na posta en práctica do plan de prevención, a avaliación de riscos e a planificación da prevención; en definitiva, a integración da prevención na empresa.
José Mª Rolón Varela, da Facultade de Ciencias do Traballo de Ferrol, da Universidade da Coruña, ofrecerá o relatorio “A Motivación en PRL dende a perspectiva da psicoloxía social”. Javier Romero Bandeira, director da Sociedade de Prevención de Fraternidad-Muprespa de Ourense-Vigo, falará de “A Mentalización dos traballadores como unha ferramenta preventiva máis para a integración da prevención no sistema xeral de xestión da empresa”.
A continuación exporanse as actuacións concretas que propón unha empresa especializada na posta en práctica deste tipo de actividades de prevención, a cargo de José Manuel Gil, de Prev 5 Consultores- empresa especializada en mentalización de traballadores e o seu entorno en materia de prevención de riscos laborais- co relatorio “Novos enfoques de cara á integración da prevención. A mentalización de traballadores no ámbito empresarial e familiar, como ferramenta preventiva” e Salvador González Carrera, responsable do departamento de Seguridade de IROSA, con “A experiencia concreta da aplicación de técnicas de mentalización de traballadores e as súas familias nunha empresa do sector da pizarra de Valdeorras".
A xornada tecnica será clausurada por Adela Quinzá-Torroja García, directora do ISSGA.