Xoves, Outubro 25, 2018
O centro Issga de Lugo acolleu unha xornada sobre os riscos laborais no almacenamento de produtos químicos
- Esta acción forma parte das actividades programadas polo Issga con motivo da Semana europea para a seguridade e a saúde no traballo.
Lugo, 25 de outubro de 2018. Máis de cen persoas participaron hoxe nesta xornada técnica co obxectivo de informar sobre a importancia da xestión de substancias perigosas, fomentar a avaliación de riscos mediante a provisión de información sobre ferramentas prácticas e o intercambio de boas prácticas e chegar a grupos de traballadores con necesidades especiais e de maior risco.
O Issga, como órgano técnico da Xunta de Galicia en materia de prevención de riscos laborais, programou esta xornada que forma parte das actividades organizadas nos seus catro centros provinciais con motivo da Semana Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo, que ten como obxectivo de fomentar lugares de traballo seguros e saudables e contribuír á difusión da Campaña 2018-2019 “Traballos saudables: alerta fronte a substancias perigosas» , que promove a Axencia Europea de Seguridade e Saúde no Traballo, para sensibilizar sobre os riscos que presentan as substancias perigosas no lugar de traballo e promover unha cultura de prevención de riscos para eliminar e, cando iso non sexa posible, xestionar de forma eficaz os ditos riscos.
Durante o desenvolvemento desta xornada se analizou o reto de almacenar produtos químicos de maneira segura dende unha visión preventiva e industrial así como as principais novidades no almacenamento en recipientes móbiles, incluíndo botellas de gases e almacenamento conxunto, ademais de amosar posibles ferramentas de axuda, como a App que ten publicada o INSST.