Venres, Maio 05, 2017
O Centro Issga da Coruña acolleu unha xornada técnica sobre cumprimento normativo en prevención de riscos laborais
- Case cento cincuenta persoas asistiron a esta acción formativa na que se analizou a responsabilidade penal das persoas xurídicas e os técnicos de prevención
A Coruña, 5 de maio de 2017. Esta xornada, realizada en colaboración co Consello Xeral de Profesionais de Seguridade e Saúde no Traballo, tivo como obxectivo analizar os novos cambios en relación coa responsabilidade das persoas xurídicas e as persoas físicas que a compoñen e transmitir aos profesionais a importancia do cumprimento normativo e as responsabilidades asociadas co incumprimento.
A introdución da responsabilidade penal das persoas xurídicas a través do artigo 31 bis do Código penal, pon en valor o cumprimento normativo das empresas. A través dela, créase a figura do compliance officers (oficial de cumprimento) como un elemento básico para o cumprimento normativo.
Dentro da figura do compliance officers atópanse todos aqueles profesionais que desenvolven funcións de cumprimento normativo como os técnicos de prevención, os responsables de protección de datos, etc. como oficiais de cumprimento para áreas específicas. Por iso, é importante coñecer as responsabilidades, as metodoloxías de traballo e outros aspectos relacionados co cumprimento.
Nos sucesivos relatorios se analizaron dende a responsabilidade penal das persoas xurídicas e dos técnicos de prevención, ata a visión da fiscalía, así como os sistemas de xestión compliance e os compliance officers ou o papel dos asesores e graduados sociais.
Tivo lugar no centro Issga da Coruña e contou coa asistencia de case cento cincuenta persoas entre empresarios, directivos de empresas, profesionais da seguridade e saúde laboral, especialistas e auditores de sistemas de xestión, asesores de empresas e persoas con interese nesta temática.