Martes, Xuño 03, 2025
O centro Issga da Coruña acolleu unha xornada sobre a prevención ante os novos riscos derivados do clima
A Coruña, 3 de xuño de 2025.
O obxectivo desta xornada técnica centrada nos efectos do cambio climático sobre a seguridade e saúde no traballo (SST) foi analizar os riscos novos ou emerxentes e compartir propostas de actuación preventiva ante os retos que presenta a emerxencia climática.
A maior concienciación polo coidado do medioambiente supón a evolución cara a unha economía sustentable e un maior fomento de enerxías renovables e empregos verdes que necesitarán plans de actuacións específicos para a mellora das condicións de SST.
Durante a xornada abordouse a situación actual e futura do clima, con especial atención á realidade galega. A evidencia científica sinala un aumento progresivo das temperaturas e a aparición cada vez máis frecuente de fenómenos meteorolóxicos extremos, o que afecta directamente ás condicións nos postos de traballo. O cambio climático pode provocar riscos como estrés térmico, maior exposición a axentes biolóxicos ou interrupcións da actividade por episodios climáticos severos, o que esixe adaptar os protocolos de prevención de riscos laborais.
É necesario o impulso de medidas preventivas innovadoras, promover a formación específica e adaptar a xestión preventiva aos novos escenarios, especialmente nos sectores produtivos máis expostos como o agroforestal, a construción ou a pesca. A colaboración entre administracións, empresas e persoal traballador foi identificada como clave para construír espazos de traballo seguros, saudables e resilientes.
O evento insírese no desenvolvemento do Plan de actuación 2025 do ISSGA e da Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo Horizonte 2027 (ESSTG27). Ambos documentos establecen liñas claras para afrontar os riscos derivados das transicións ecolóxica, dixital e demográfica, incorporando medidas específicas fronte ás altas temperaturas, a protección da saúde mental, a integración da perspectiva de xénero e a atención ás PEMES e aos colectivos máis vulnerables. O seu enfoque baséase na planificación preventiva como elemento central, na adaptación normativa e na xeración de coñecemento técnico que permita anticiparse aos efectos do cambio climático no ámbito laboral.
Este encontro reafirma o compromiso do ISSGA co fortalecemento da cultura preventiva e co impulso dunha resposta eficaz fronte aos desafíos que impón o cambio climático no ámbito laboral en Galicia.