Luns, Setembro 30, 2013
O centro Issga da Coruña acolleu unha xornada sobre as avaliacións cualitativas de axentes químicos e biolóxicos
Nesta xornada déronse a coñecer os métodos de avaliación simplificada de risco químico por vía inhalatoria e por vía dérmica:
- COSHH Essentials del Helath and Safety Executive (HSE)
- Método do Institut National de Recherche et de Sécurité (INRS)
En canto ao risco biolóxico, o método de avaliación cualitativa desenvolvido na Nota Técnica de Prevención NTP 833 do Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo (INSHT).
Estes métodos indícannos unha visión nova da avaliación dun risco, pois chegamos ao cálculo dun factor de risco de forma empírica, a través de táboas e datos físicos do composto ou do axente a manexar que está presente no posto de traballo, sen ter que recorrer, a priori, a unha medida ambiental do contaminante.
Os métodos de avaliación simplificada ou cualitativa serven para realizar un primeiro diagnóstico inicial da situación a avaliar no posto de traballo. Non teñen porqué ser substitutivos dunha avaliación tradicional senón que débense empregar como unha ferramenta para axudar a implantar ou mellorar as medidas preventivas, filtrar tarefas ou axentes químicos que requiren un estudo máis detallado ou avaliar directamente postos cando o risco é baixo e a situación non require tomar medidas importantes.
No caso de exposición a axentes biolóxicos, ofrécennos unha ferramenta moi interesante, debido a que non existen valores límite de exposición dispoñibles, polo que, unha avaliación cualitativa nos axuda a avaliar o risco dunha forma práctica sen ter que interpretar unha medición de axentes biolóxicos, o único inconveniente é a identificación dos axentes presentes no posto de traballo e a súa correspondente clasificación nalgún dos catro grupos incluídos no Real decreto 664/1997.
A gran vantaxe destes métodos é a súa simplicidade o que permite aplicalos, sobre todo para as PEME, de forma doada e obter información sobre o efecto dos axentes presentes no posto de traballo, que podemos quitar das fichas de datos de seguridade proporcionadas polo fabricante ou de diferentes bases de datos. O resultado da avaliación permítenos ter unha base para decidir se debemos recorrer a unha avaliación máis detallada destes ou simplemente indicar unha serie de medidas preventivas. Por exemplo en actividades como mantemento, limpeza de oficinas ou a recollida de produtos derramados que non forman parte do proceso produtivo, poden realizarse perfectamente cunha avaliación cualitativa, pois son tarefas que non requiren, xeralmente, unha avaliación con medición ambiental.
Na xornada indicáronse os problemas máis comúns que nos podemos atopar á hora de realizar este tipo de avaliacións, polo que se realizaron casos prácticos onde se puido reflectir algún tipo destes problemas como poden ser: a falta de ficha de datos de seguridade dalgún composto, o emprego de mesturas complexas ou a asignación dun nivel de perigosidade a través das frases de risco R, pois os métodos non se encontran adaptados ao novo Regulamento REACH (na actualidade debemos manexar frases H e EUH en lugar das frases R).
Folla de prevención
Con motivo do desenvolvemento desta acción formativa publicouse un novo número da colección do Issga das Follas de Prevención, que leva por título Avaliación cualitativa de risco biolóxico, na que se definen os axentes biolóxicos, se indica a súa clasificación, describe como realizar unha avaliación simplificada cando existe risco biolóxico e por último, como actuar no caso dunha traballadora embarazada que poida estar exposta a riscos de exposición aos axentes biolóxicos.
Na seguinte ligazón se pode acceder á dita publicación.