Martes, Decembro 02, 2014
O centro do ISSGA en Pontevedra acolle hoxe unha xornada técnica de formación sobre coordinación de actividades empresariais
- A iniciativa, que realizan o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e Fremap, forma parte do Plan Estratéxico para a Prevención de Riscos Laborais 2011-2014
- A actuación está dirixida a acadar que a coordinación de actividades se integre como unha parte máis do sistema de xestión
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) está a desenvolver hoxe no seu centro de Pontevedra xornada técnica de coordinación de actividades empresariais, unha iniciativa que desenvolve Fremap en colaboración co ISSGA. A iniciativa céntrase na análise dende un punto de vista práctico, dos diferentes aspectos que determinan a aplicación nas empresas do Real decreto 171/2004, polo que se desenvolve o artigo 24 la Lei 31/1995 de Prevención de riscos laborais.
Ao longo da xornada se afondará nos aspectos máis controvertidos da aplicación da norma, así como os criterios de asignación de funcións e responsabilidades, dende unha perspectiva dirixida a acadar que a coordinación de actividades se integre como unha parte máis do sistema de xestión.
Por último, exporanse diferentes modelos e ferramentas que as empresas teñen á súa disposición para o rexistro documental e a xestión de comunicacións que se requiren na aplicación dos principios de coordinación empresarial.
O ISSGA, como órgano técnico en materia de seguridade e saúde laboral da Administración galega, debe ser referente na difusión do coñecemento en materia preventiva, concentrando nos seus centros accións formativas, non só propias, senón tamén en colaboración con outras entidades e órganos técnicos especializados, de xeito que se convertan en focos de transmisión de saber preventivo.
Estas accións formativas organizadas por Fremap, que xa se veñen realizando nos últimos anos, permiten formar a técnicos de prevención, delegados, empresarios ou profesionais liberais, entre outros, sobre os diversos cambios nos procesos produtivos, posta ao dia na normativa ou na introdución de novas tecnoloxías, que fan precisa unha actualización permanente de coñecementos no eido da prevención de riscos laborais e na seguridade e saúde laboral.
A divulgación destes coñecementos é unha parte fundamental da prevención de riscos laborais e o cuarto obxectivo do Plan Estratéxico para a Prevención de Riscos Laborais en Galicia 2011-2014 do ISSGA.