Martes, Xuño 10, 2014
O Centro do ISSGA de Pontevedra (Rande) acolle esta semana un novo curso básico de prevención de riscos laborais
- Esta iniciativa enmárcase dentro da oferta formativa do ISSGA para este ano 2014
-
A oferta formativa do ISSGA, que se desenvolve tanto presencialmente nos seus centros provinciais, como en liña e a través da aula virtual, ten o propósito de proporcionar formación de calidade nesta materia dando cumprimento ao Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2011–2014
-
Para este ano 2014 está prevista a realización de 12 cursos básicos de prevención de riscos laborais presenciais que terán lugar nos seus catro centros provinciais.
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), dependente da Consellería de Traballo e Benestar, celebra esta semana en Pontevedra a terceira das catro edicións do ‘Curso básico de prevención de riscos laborais’ que terán lugar este ano nese centro. Unha decena de técnicos das especialidades de seguridade, hixiene, ergonomía e psicosocioloxía e medicina laboral impartirán a formación correspondente ás mais de 50 persoas de distintos colectivos que están a realizar esta acción formativa.
Esta iniciativa enmárcase dentro da oferta formativa do ISSGA para este ano 2014. O programa do curso versa sobre conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo, riscos xerais e a súa prevención, riscos específicos do sector da actividade da empresa e a súa prevención, elementos básicos da xestión da prevención de riscos, primeiros auxilios e prevención de riscos laborais dende a perspectiva de xénero.
Os obxectivos pasan por proporcionar o nivel de capacitación necesario para desenvolver as funcións de xestión da prevención establecida no Regulamento dos servizos de prevención e proporcionar aos empresarios a formación e os coñecementos que os capaciten para xestionar a prevención nas súas propias empresas ou centros de traballo en determinados casos.
A Lei de prevención de riscos laborais establece a obriga de proporcionar aos traballadores a formación suficiente e axeitada sobre os riscos que afectan aos seus postos de traballo. Así mesmo, a lei encomenda ás administracións públicas o desenvolvemento de accións de formación, información e divulgación que contribúan, xunto aos empresarios e traballadores, ao logro dos obxectivos de mellora progresiva das condicións de traballo.
A formación, xunto coa información, promoción e asesoramento en materia de seguridade laboral, constitúe unhas das ferramentas máis axeitadas para promover unha auténtica cultura preventiva no conxunto da sociedade.
Nesta liña, a oferta formativa do ISSGA, que se desenvolve tanto presencialmente nos seus centros provinciais, como en liña e a través da aula virtual, ten o propósito de proporcionar formación de calidade nesta materia dando cumprimento ao Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2011–2014.
Para este ano 2014 está prevista a realización de 12 cursos básicos de prevención de riscos laborais presenciais que terán lugar nos seus catro centros provinciais, dos cales xa tiveron lugar 3 deles; así como catro edicións a través da modalidade en liña, das cales está tendo lugar a primeira delas, na que participan 150 persoas.
No apartado de formacion desta páxina web pódese consultar a totalidade da oferta formativa do Issga.