Xoves, Outubro 16, 2014
O centro do ISSGA da Coruña acolle hoxe unha xornada técnica de formación en prevención de riscos laborais
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) está a desenvolver hoxe no seu centro da Coruña unha xornada técnica de formación en prevención de riscos laborais, unha iniciativa que desenvolve Fremap en colaboración co ISSGA. A iniciativa céntrase nas continxencias profesionais e a prevención como elemento diferenciador no traballo autónomo.
O ISSGA, como órgano técnico en materia de seguridade e saúde laboral da Administración galega, debe ser referente na difusión do coñecemento en materia preventiva, concentrando nos seus centros accións formativas, non só propias, senón tamén en colaboración con outras entidades e órganos técnicos especializados, de xeito que se convertan en focos de transmisión de saber preventivo.
Estas accións formativas organizadas por Fremap, que xa se veñen realizando nos últimos anos, permiten formar a técnicos de prevención, delegados, empresarios ou profesionais liberais, entre outros, sobre os diversos cambios nos procesos produtivos, posta ao dia na normativa ou na introdución de novas tecnoloxías, que fan precisa unha actualización permanente de coñecementos no eido da prevención de riscos laborais.
A divulgación destes coñecementos é unha parte fundamental da prevención de riscos laborais e o cuarto obxectivo do Plan Estratéxico para a Prevención de Riscos Laborais en Galicia 2011-2014 do ISSGA.