Novas

Venres, Xaneiro 23, 2026

O alumnado do CPR San Fermín de Caldas de Reis visita a Aula de Risco Eléctrico do ISSGA

IMAXE AULA DE RISCO ELECTRICO

Rande–Redondela, 23 de xaneiro de 2026

O Centro ISSGA de Pontevedra acolleu hoxe unha nova xornada formativa na Aula de Prevención do Risco Eléctrico, dirixida ao alumnado do Ciclo Medio de Instalacións Eléctricas e Automáticas do CPR San Fermín de Caldas de Reis.

Esta actividade enmárcase na liña de actuación do ISSGA orientada a integrar a prevención de riscos laborais como un elemento esencial na formación técnica do futuro persoal profesional do sector eléctrico. Durante a sesión, o estudantado puido coñecer o funcionamento da instrumentación e dos equipos dispoñibles na aula, guiados por persoal técnico especializado.

A electricidade está presente na maioría dos contornos laborais e, especialmente nas tarefas de instalación, mantemento e reparación, poden aparecer riscos graves como queimaduras ou electrocucións. Por este motivo, a adquisición de coñecementos técnicos específicos e a aplicación sistemática de procedementos de traballo seguros resultan fundamentais para a prevención de accidentes.

Con esta visita, o alumnado reforzou competencias prácticas e incrementou a súa sensibilización fronte ao risco eléctrico, contribuíndo así a unha futura actividade profesional máis segura e responsable.