martes, Xaneiro 24, 2023

O alumnado do CEIP San Xosé Obreiro de Pontevedra visita a Escola Galega de Prevención do ISSGA

  • O obxectivo desta Escola é que os rapaces e rapazas integren o concepto de cultura preventiva transversalmente dende os primeiros anos da súa formación

Rande-Redondela, 24 de xaneiro de 2023. Un total de 20 nenos e nenas de segundo de primaria do San Xosé Obreiro de Pontevedra realizaron hoxe unha visita á Escola Galega de Prevención que o ISSGA ten no seu centro de Pontevedra (Rande-Redondela).

A prioridade deste espazo é incentivar actitudes e hábitos seguros entre os escolares dun xeito ameno, didáctico e divertido que permita inculcar condutas seguras e saudables nunha liña de anticipación aos riscos laborais aos que terán que enfrontarse no futuro.

É importante a implicación e complicidade dos pais, os profesores e a sociedade no seu conxunto para acadar o obxectivo de implantar unha cultura preventiva desde idades temperás e promover medidas preventivas de riscos asociados á vida diaria dos rapaces e aos riscos da súa contorna.

A actividade principal da escola desenvólvese nun espazo dividido en tres zonas diferenciadas por cores nas que a información estrutúrase en catro grandes bloques temáticos: na casa, na rúa, na escola e no fogar.

Deste xeito, na zona de equipamento (verde), os rapaces equiparanse con cascos e chalecos e realízanse unha foto que posteriormente poden baixarse da páxina web do ISSGA. Haberá catro grandes paneis informativos con mensaxes claras e directas que dan acceso á zona audiovisual (amarelo), onde se proxectan videos e se se interactúa con escolares sobre temas relacionados coa seguridade (perigo eléctrico, caídas, ..), a hixiene ( produtos perigosos, ruído, ...), a ergonomía (mochila, sentarse correctamente, ...) e psicosociais (acoso escolar, emocións, ...). Por último, na zona de documentación e actividades pódese consultar publicacións, pasatempos e cómics relacionados coa prevención, acceder a través dos equipos informáticos a diversos recursos web, aprender a través de diferentes escenarios a distinguir accións correctas e incorrectas, probar diferentes equipos de protección individual, así como diversos xogos de imáns e cubos relacionados con diferentes profesións e varios paneis e lonas onde se lle lembran diferentes recomendacións que nas súas actuacións deben ter en conta.

Máis información sobre a Escola Galega de Prevención do ISSGA.