Novas

Luns, Abril 25, 2011

O 28 de abril celébrase o Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo

No 2003, a Organización Internacional do Traballo (OIT) instituíu o 28 de abril como o Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo co fin de fomentar unha cultura preventiva en prevención de riscos laborais fronte a todos os sectores da sociedade.

Trátase dunha campaña de sensibilización a nivel internacional que centra a atención sobre as novas tendencias no ámbito da seguridade e a saúde no traballo e sobre a magnitude das lesións e enfermidades relacionadas co traballo.

O tema do Día Mundial para a Seguridade e a Saúde no Traballo para o 2011 é: O sistema de xestión da SST: unha ferramenta para a mellora continua.

En moitas partes do mundo, as autoridades nacionais, os sindicatos, as organizacións de traballadores e os profesionais do sector de seguridade e saúde organizan actividades para celebrar esta data. A Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde no traballo colabora coa OIT organizando a cerimonia de entrega dos galardóns ás boas prácticas no marco da súa Campaña Mantemento Seguro que se celebrará en Hungría o 28 de abril, data na que as organizacións sindicais recordan a todas aquelas persoas que morreron vítimas de accidentes laborais.

Polo súa parte, o ISSGA conmemora este día no ano no que inicia a súa andaina o novo Plan estratéxico de prevención de riscos laborais 2011-2014, tanto coa organización nos seus Centros como coa colaboración con outras entidades, en diversos actos que reforzan o seu compromiso na mellora das condicións laborais dos traballadores e traballadoras da nosa comunidade.

Actos nos Centros do ISSGA

• Xornada técnica “Novidades técnicas e normativas”
Centro ISSGA da Coruña
27 de abril
A xornada será inaugurada pola conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e nela participarán a directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, que fará unha exposición do Plan estratéxico para a prevención de riscos laborais 2011-2014 e do Plan de actividades do ISSGA para este ano: o director territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social en Galicia, Carlos Domenech, que explicará a evolución da normativa en prevención de riscos; e os xefes de centro e do equipo de hixiene industrial do ISSGA na Coruña, Miguel Martínez e Francisco Javier Copa, cuxos relatorios versarán sobre o método de avaliación simplificada do risco químico do INRS e os valores límite 2011, respectivamente. Na ligazón que aparece ao final da páxina pode facer a inscrición.

• Visita á Escola Galega de Prevención do ISSGA
Centro ISSGA de Pontevedra
28 de abril
Coa presenza do Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, da conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e da directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, para visitar este espazo físico que pretende achegar a prevención de riscos laborais os escolares de Primaria e Secundaria dun xeito divertido e cunha proposta actual e dinámica para a introdución de conceptos básicos e contidos inmediatos vencellados á súa realidade.

Actos en colaboración con outras entidades

• Xornada técnica “Prevención de riscos laborais na manipulación de amianto”.
Confederación de empresarios de Galicia
Santiago de Compostela
28 de abril
Coa participación da xefa da sección de Hixiene Industrial do ISSGA, Lucía Ferrón, cun relatorio sobre os criterios para a realización dos plans de traballo con risco de amianto.

• Xornada técnica “PRL: Como afrontar a súa xestión en pemes e micropemes”
Confederación de empresarios de Lugo
Lugo
28 de abril
Coa participación da xefa do centro do ISSGA en Lugo, Nieves Novo, cun relatorio sobre a estratexia de prevención de riscos laborais en Galicia 2011-2014 e as principais actuacións do ISSGA.
O director xeral de Relacións Laborais, Odilo Martiñá, será o encargado de clausurar esta xornada.

• Xornada técnica “Novidades lexislativas e reflexións sobre o mantemento seguro e preventivo”
Confederación de empresarios de Ourense
Ourense
28 de abril
Coa participación do xefe do centro do ISSGA en Ourense, Ángel López, que participará no acto de apertura e presentará o Plan de actividades do ISSGA para o 2011.

• Xornada técnica “Protección contra riscos e danos oculares no traballo”
Confederación de empresarios de Pontevedra
Pontevedra
28 de abril
Coa participación da directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torrja na presentación da xornada.

• Taller de ergonomía
GKN DRIVELINE
Vigo
26 de abril
Coa participación da xefa de sección de Ergonomía e Psicosocioloxía Aplicada do ISSGA, Mª Jesús Copa, no obradoiro de ergonomía para persoal do servizo de prevención, delegados de prevención e persoal técnico da empresa.