Novas

Mércores, Decembro 28, 2011

A nova etiqueta dos produtos químicos perigrosos é xa obrigatoria para as substancias dende o 1 de decembro de 2010

O CLP ou Regulamento CLP (en inglés “classification, labeling and packaging”) é o novo regulamento europeo sobre clasificación, etiquetaxe e envasado de substancias e mesturas químicas. Esta lexislación, que introduce na Unión Europea un novo sistema para clasificar e etiquetar os produtos químicos que se vaian comercializar, está baseado no Sistema Globalmente Armonizado das Nacións Unidas (SGA da ONU).

Este regulamento xa entrou en vigor en toda a Unión Europea en xaneiro de 2009 pero estableceu uns períodos transitorios ata a súa aplicación total. Dende o 1 de decembro de 2010 é xa de obrigado cumprimento para as substancias químicas e a partir do 1 de xuño de 2015 será tamén de obrigado cumprimento para as mesturas (preparados segundo a anterior lexislación) de produtos químicos.

Dende a óptica da prevención dos riscos derivados do traballo a implicación máis importante é que vai cambiar o sistema de comunicación dos riscos dos produtos químicos perigosos: nova terminoloxía, diferentes definicións dos perigos e diferente etiqueta.

Os traballadores deben saber como interpretar o contido das novas etiquetas, xa que nelas é onde se recollen os perigos asociados ao produto químico e as principais precaucións que hai que tomar ao traballar con eles.

Neste contexto o ISSGA elaborou diferentes documentos de carácter informativo e divulgativo nos que se recollen as principais implicacións derivadas da aplicación deste regulamento europeo dende o punto de vista da prevención de riscos laborais. Estes documentos pódense descargar na nosa web. Este material pretende ser de utilidade tanto para as empresas, como para os servizos de prevención, que deben informar aos traballadores deste novo sistema de comunicación do risco.

DOCUMENTOS ELABORADOS POLO ISSGA QUE PODE DESCARGAR:

- Documento informativo: A nova etiqueta dos produtos químicos perigosos (principais implicacións da aplicación do regulamento CLP no momento actual).
- Produtos químicos perigosos: a nova etiqueta (en versión folleto e versión despregable)
- Póster: listaxe de indicacións de perigo (frases H) e frases EUH.
- Póster: listaxe de consellos de prudencia (frases P)
- Póster: clases de perigo e as súas definicións básicas e elementos que deben figurar nas novas etiquetas.
- Póster: definicións e división en categorías de perigo dos produtos químicos canceríxenos, mutaxénicos, tóxicos para a reprodución (CMR) e sensibilizantes, e como serán identificados nas novas etiquetas
- Listaxe de frases H e EUH (formato A4)
- Listaxe de frases P (formato A4)