Venres, Xullo 17, 2026
A modificación do Regulamento Xeral de Circulación reforza a protección das persoas traballadoras na vía pública
O pasado 26 de xuño publicouse o Real decreto 518/2026, polo que se modifica o Regulamento Xeral de Circulación; unha actualización normativa que incorpora importantes medidas para reforzar a protección das persoas usuarias máis vulnerables da vía.
Entre as novidades destacan varias disposicións de especial interese para a prevención de riscos laborais, ao afectar directamente a quen desenvolve a súa actividade profesional na estrada ou en contornas urbanas.
As principais medidas relacionadas co ámbito laboral son as seguintes:
-
Uso obrigatorio do casco para as persoas que desenvolvan a súa actividade profesional circulando en bicicleta, tamén en vías urbanas.
-
Uso obrigatorio do chaleco reflector de alta visibilidade para quen traballe circulando en motocicletas, ciclomotores, bicicletas e vehículos de mobilidade persoal (VMP).
-
Casco obrigatorio para as persoas usuarias de VMP, ademais de novas obrigas en materia de iluminación, visibilidade e circulación cando estes vehículos se empreguen con fins laborais.
-
Luvas de protección e calzado pechado obrigatorios para condutores e pasaxeiros de motocicletas e ciclomotores.
-
Nova regulación das bicicletas de carga, cada vez máis utilizadas nas actividades de reparto e loxística urbana.
-
Maior protección para o persoal de conservación de estradas, auxilio en estrada e servizos de emerxencia, reforzando as obrigas de manter unha separación mínima de 1,5 metros nos adiantamentos, reducir a velocidade durante a manobra e facilitando a circulación mediante o carril de emerxencia en situacións de retención.
Estas modificacións contribúen a mellorar a seguridade das persoas traballadoras que realizan desprazamentos durante a súa xornada laboral ou desenvolven a súa actividade na vía pública, reforzando a protección fronte aos accidentes de tráfico.
Desde o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) lembramos que a seguridade viaria forma parte da prevención de riscos laborais. Coñecer as novas obrigas, adaptar os procedementos de traballo e utilizar correctamente os equipos de protección individual son medidas fundamentais para reducir a sinistralidade laboral e protexer a saúde das persoas traballadoras.